O Concello de Frades, distinguido coa Bandeira Verde como exemplo de compromiso ambiental e paisaxístico
O Concello de Frades vén de ser distinguido por primeira vez co distintivo Bandeira Verde de Galicia, como mostra do seu compromiso co medio ambiente e a paisaxe. O alcalde, Roberto Rey Martínez, recolleu esta distinción de mans da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, no transcurso dun acto celebrado en Vedra e no que se fixo entrega destes distintivos a un total de 39 concellos.
Cómpre lembrar que o distintivo Bandeira Verde de Galicia ten como obxectivo poñer en valor a aposta que se fai desde as administracións locais para garantir a protección da paisaxe, a conservación do patrimonio natural e o coidado ambiental do territorio. De feito, este distintivo outorga visibilidade a aqueles territorios responsables e comprometidos co impulso de diferentes tipos de accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e sensibilizar á cidadanía nesta materia.
Así mesmo, a conselleira indicou que as boas prácticas que desenvolven os concellos recoñecidos tamén contribúen á “saúde ambiental” da Comunidade. “Coidar os ríos, apostar pola eficiencia enerxética e humanizar os espazos urbanos son ferramentas coas que combatemos o reto global que supón o cambio climático desde a política de proximidade”, dixo Ángeles Vázquez.