A visita dunha unidade do CIM Móbil abre a programación especial do Concello de Frades polo 25 de novembro
A praza de Ponte Carreira (Frades) acolleu hoxe a visita do CIM móbil, un recurso especializado na atención a mulleres vítimas de violencia de xénero e outros colectivos vulnerables. O tenente de alcalde, Manuel Ferreiro Marzoa, achegouse ata alí para dar a benvida ao persoal e amosar o seu apoio á iniciativa.
Este servizo, dependente da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, da Consellería de Política Social e Igualdade, realizou diversas accións de prevención e sensibilización en Frades, xa que o CIM Móbil combina a atención individual coas accións de información, sensibilización e prevención da violencia de xénero.
Con esta visita, o Concello de Frades abre a súa programación especial co gallo do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller. Un programa que culminará, como xa é tradicional, o propio 25 de novembro co reparto de material informativo e conmemorativo entre o alumnado do CPI de Ponte Carreira e entre a rapazada de Abellá que estuda en Xanceda.
Ademais, durante o mes de novembro realizarase unha campaña de sensibilización sobre a corresponsabilidade, tanto a través de redes sociais como do reparto de folletos informativos. Así mesmo, os alumnos e alumnas das Escolas Deportivas Municipais sumaranse a unha campaña especial contra a violencia de xénero.
O programa especial do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller está organizado polo Concello de Frades, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Ministerio de Igualdade ao abeiro do programa Corresponsables e do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.