O Concello de Frades humaniza a contorna da praza pública de Ponte Carreira coa creación de dúas beirarrúas e o aglomerado dos viarios que a rodean
O Concello de Frades vén de investir case 45.000 euros na mellora de viarios na contorna da praza de Ponte Carreira, unha actuación que conta cunha achega da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, destaca que esta actuación supón “unha importante mellora da seguridade peonil e da accesibilidade da veciñanza a un dos principais espazos públicos do municipio, onde están emprazados servizos como o centro de saúde, a farmacia, o parque infantil cuberto máis grande de Frades e o centro sociocomunitario”.
As obras consistiron na mellora da capa de rodaxe dos viarios que rodean a praza pública de Ponte Carreira cun aglomerado de 3 centímetros, previo bacheo da zona. A maiores, construíronse dúas beirarrúas de formigón coloreado, de 70 e 110 metros cadrados de superficie, baixo as que se canalizou a recollida de augas pluviais mediante a correspondente tubaxe, arquetas sumidoiro e pozos de rexistro. Estas novas beirarrúas dan continuidade a outras xa existentes e permiten a conexión da praza coa travesía de Ponte Carreira, á altura do Supermercado Claudio, e sobre todo a conexión da praza co centro sociocomunitario de Frades.
Rey Martínez fai fincapé nesta mellora pois “tras a construción do centro sociocomunitario, que supuxo un importante investimento, quedara pendente mellorar tanto os accesos por estrada como a pé. O aglomerado dos viarios de acceso e a construción da nova beirarrúa permitirán humanizar a contorna e de seguro que permitirán un maior desfrute destas instalacións por parte dos veciños e veciñas de Frades”.