Frades recupera a memoria dos seus maiores en formato dixital
O Concello de Frades vén de dar un novo paso na posta en valor do seu patrimonio cultural, natural e histórico a través do proxecto Camiño Sénior, impulsado por FEGAUS, en colaboración coa Asociación Canal Sénior, no marco do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. Unha proposta que combina tradición, participación cidadá e novas tecnoloxías para preservar, por en valor e difundir o patrimonio material e inmaterial dos municipios galegos vinculados ao Camiño de Santiago.
A xornada comezou coa actividade "Pegada Verde no Camiño", desenvolvida en colaboración coa Asociación Galicia Ambiental, que puxo o foco na importancia de protexer a contorna natural, fomentar hábitos sostibles e concienciar sobre a responsabilidade compartida na conservación do patrimonio ambiental dos nosos concellos.
Tras esta sesión, os asistentes puideron coñecer de primeira man os obxectivos e as accións desenvolvidas no marco de Camiño Sénior a través das intervencións do presidente da Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (FEGAUS), Alejandro Otero, e da delegada territorial de Canal Sénior en Galicia, Yasmina López, que destacaron a importancia de implicar ás persoas maiores na recuperación e transmisión da memoria oral, así como o potencial da tecnoloxía para achegar o patrimonio local a novos públicos.
Una xanela á cultura de Frades
O encontro culminou coa instalación dunha placa con código QR na praza pública de Ponte Carreira, nun acto que contou coa presenza do alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez; o concelleiro de Cultura, Juan Carlos Portos Bra; o presidente de FEGAUS, Alejandro Otero; e a delegada territorial de Canal Sénior, Yasmina López; canda a veciñanza do municipio, que quixo participar neste novo fito para a divulgación do patrimonio local.
A placa dá acceso de maneira gratuíta a diferentes recursos dixitais sobre a historia, as tradicións e os lugares de interese de Frades e Mesía. Trátase dunha proposta de contidos compartidos entre ambos concellos, que permite descubrir a súa riqueza cultural e natural dunha maneira diferente.
A memoria dos maiores, protagonista do patrimonio dixital
Un dos elementos máis destacados desta iniciativa é a participación directa das persoas maiores na recuperación e divulgación da historia local. Entre os contidos dispoñibles a través da placa atópase un pódcast gravado durante un obradoiro cos veciños, no que os propios participantes comparten lembranzas, tradicións e anécdotas sobre como era a vida no concello décadas atrás. Un exercicio de memoria colectiva que permite conservar historias e costumes que forman parte da identidade local e facilitar a súa transmisión ás novas xeracións.
A proposta complétase cun vídeo en formato vertical que percorre diferentes lugares de interese, un artigo dedicado á Aula da Natureza das Brañas da Valga, situada en Mesía, e unha infografía cos principais puntos que visitar na contorna.
Todos estes recursos forman parte dun espazo dixital compartido entre Frades e Mesía, que permite conectar ambos os municipios a través do seu patrimonio e ofrecer unha nova maneira de descubrir o territorio tanto á veciñanza como ás persoas que percorren o Camiño de Santiago.
Un legado que conecta xeracións
Camiño Sénior nace co propósito de demostrar que a tecnoloxía pode ser unha aliada na conservación das tradicións, na dinamización do rural e na transmisión do patrimonio cultural e natural de Galicia. A través da instalación de placas con códigos QR, a creación de contidos accesibles e a organización de actividades culturais, educativas e ambientais, o proxecto busca situar as persoas maiores no centro da recuperación e divulgación da memoria colectiva, recoñecendo o seu papel como transmisoras de coñecementos, experiencias e tradicións.
A experiencia de Frades reflicte esta filosofía: converter os recordos da veciñanza en patrimonio compartido, dar visibilidade á riqueza local e facilitar que calquera persoa -independentemente da súa idade ou lugar de residencia- poida descubrir o municipio dunha maneira diferente.