Capela de San Nicolao e Cruceiro (Mesos)
Capela de San Nicolao, situada na parroquia de Frades, rodeada por unha carballeira, como outras da zona, e situada nun alto dende o que se pode admirar unha panorámica sobre a comarca. Forma conxunto cun campo de festas e un cruceiro.
A súa estrutura construtiva resúmese na presenza de muros de cachotería revestida de pintura branca cun zócolo azul e cuberta tradicional a dúas augas con armazón de madeira e tella. Os vans, que son escasos, están enmarcados por pezas de cantería.
A planta é rectangular coa parte da cabeceira lixeiramente máis baixa, que no exterior produce un xogo graduado de volumes. A fachada presenta o esquema tan repetido nas igrexas do concello, que concentra os elementos principais nun mesmo eixo lonxitudinal central: a porta, unha fiestra, ambas as dúas carentes de elementos decorativos, e a espadana, neste caso dun só van sen campá e rematada en pináculos con bólas – únicos ornamentos da construción.
O cruceiro ten plataforma cuadrangular, pedestal cúbico, varal octogonal, capitel cúbico, cruz octogonal, no anverso un Cristo crucificado e no reverso unha Virxe en actitude de orar.
Nela celébrase o San Miguel, festivo local do concello, e coñecido polos seus xantares no campo da festa.
Cruceiro San Nicolao (Frades)