Igrexa Parroquial e Cruceiro (Añá)
Sitúase nun núcleo de poucas vivendas, rodeada dunha bonita paisaxe e acompañada dun cruceiro. Forma conxunto co cemiterio, distribuído entre o chan do adro e os arredores da igrexa. É de planta rectangular cunha soa nave que denomina todo o conxunto e un pequeno corpo engadido nun lateral que fai a función de sancristía. Un coro alto levántase aos pés da igrexa. Construída na honra de Santa María.
Está construída en cachotería revestida de cemento e pintada de cor branca no ano 2010, coas pezas de cantería arredor dos vans, que non son abondosos. A cuberta é de tella a dúas augas. Os muros interiores están recebados e pintados en branco. Na fachada emprégase o habitual esquema compositivo dominado por un eixo vertical, no que se superpoñen a porta principal, un van –ambos os dous de traza rectangular e sen ornamentación- e a espadana que trunca a cornixa, deixando beirís curvos a ambos os lados. A gran sobriedade do conxunto continúa tamén na espadana, de dous corpos, sendo o superior moito máis estreito, e non conta con máis elementos decorativos que os pináculos e a cruz.
Cruceiro (Añá)