Igrexa Parroquial e Cruceiro (Galegos)
A igrexa de San Martiño de Galegos, é do século XVIII, de estilo barroco. Ten planta dunha sola nave con presbiterio destacado. Fábrica de cachotería revocada e lucida nos paramentos e cantería nos elementos nobres. Posúe un arco triunfal de medio punto, en cuxa clave figura o escudo dos Moscoso, e nos muros norte e sur hai dous grandes retablos pétreos que corresponden ós enterramentos do señor de Galegos e a súa Dona. Son de cantería de granito formados por un alto zócalo con ménsulas acanaladas e sobre o que repousa un arco de medio punto, sobre pilastras con imposta, flanqueado por dobres pilastras acanaladas e refundidas. O coroamento do entaboamento é clásico con tríglifos. No lucelo represéntanse as armas do señores de Galegos. Serviu de panteón familiar. O seu estado de conservación é bo.
CRUCEIRO GALEGOS