spacer
Galegos (San Martiño)

Dentro do termo municipal, localízase ao oeste, lindando cos concellos de Ordes e Oroso. Con respecto ao resto de parroquias, fai o propio coa parroquia de Mesos ao norte, Frades ao leste e Moar ao sur.

As cotas máis altas danse ao seu sur, e máis concretamente no Couto de Vilarello (384 m), nos Montes de Portamión e as máis baixas ao oeste, na cunca do río Samo, que polo noroeste, se converte no principal curso fluvial, tendo como afluentes o rego Vermello, polo nordés, e o rego do Mouriño polo centro.

Con 7,68 Km² (9,4%) localízase dentro das parroquias medias, valor moi por enriba de parroquias como Céltigos (2,79 Km2) ou Aiazo (4,84 Km2) e bastante afastada daquelas máis grandes como son o caso de Abellá (10,93 Km2) ou Papucín (10,87 Km2).

A principal vía de comunicación é a DP-3802, que se localiza ao sur da parroquia, no límite con Moar. O resto da estructura viaria atópase integrada por pistas de carácter municipal, froito das concentracións que se desenvolveron en todo o municipio. No que respecta aos cultivos, estes seguen o seguinte patrón que se describe a continuación: en torno aos núcleos amplas áreas de pasteiros, que en ningún momento chegan a enlazar coas das parroquias máis próximas, que dan paso a grandes extensións de arboredo, que se converte no cultivo predominante, chegando a ocupar mais da metade do chan destinado a uso forestal.

Con 8 núcleos sitúase como a segunda parroquia que menos achega, o que supón menos do 5% do total, moi por debaixo da media municipal, que se sitúa en torno aos 12 e máis se a parroquia patrón é Abellá (25 núcleos) ou Moar (20 núcleos). Se este valor o comparamos coa superficie, dános unha das densidades máis baixas o que nos dá unha idea da dispersión existente. Estes repártense de xeito desigual por todo o concello, sendo a zona oeste onde de xeito predominante se localizan a súa maioría, como son O Pazo, A Ponte, O Castro, Vista Alegre, O Barreiro e O Outeiro. Cara ao norte, atopariamos os núcleos de Reboredo e O Paraxón. O resto da parroquia e máis a zona este, atópase totalmente despoboada.

Dúas son as tipoloxías características dos asentamentos desta parroquia: a concentrada tradicional como son o caso de A Ponte e Pazo e a dispersa onde as vivendas se localizan de forma lineal ao longo da armazón viaria, destacando neste sentido o núcleo de Vista Alegre. Destaca o núcleo de o Pazo por estar nel o Pazo de Galegos e os principais equipamentos como son o campo da festa e a igrexa parroquial.

En canto á aportación de poboación, témonos que basear nos datos que achega o IGE onde solo recoñece cinco entidades de poboación cando o traballo de campo atopou sete, absorbendo polo tanto a dous núcleos. Os que menos poboación achegan son A Ponte e O Outeiro, sendo a repartición no resto máis equitativo.

Aldeas: O Barreiro, O Castro, O Outeiro, O Paxarón, Pazo - A Ponte, Reboredo, Vista Alegre

Que ver

Máis Información

  • 768 Hectáreas
  • 223