spacer
Pazo de Galegos

En San Martiño de Galegos, a pouca distancia da estrada de Ordes a Ponte Carreira, pódese ver o Pazo de Galegos, construído no século XVII en estilo renacentista e con elementos posteriores do século XVIII, pertence a unha orde relixiosa na actualidade, e non se pode visitar.
Accédese a el por un portalón brasonado. Nos dous escudos destacan os emblemas dos Montenegro, Andrade, Bermúdez, etcétera.

No lintel consérvase unha inscrición do ano 1690, que narra que neste pazo pasaron a noite do 15 de abril de dito ano, a princesa dona Mariana de Neoburgo e o seu irmán, cando viaxaban de A Coruña a Santiago, para continuar a súa viaxe a Madrid, onde contraería matrimonio co rei Carlos II. Di así: «En 15 de Abril de 1690 durmiu nesta casa a Raíña Ntra. Sra D.a Mariana de Neoburgo, muger do rei Ntro. Sr. D. Carlos 2º, vindo da Coruña en Romaxe a Ntro San Apóstol Santiago. Sendo donos desta Casa D. Antl. Mosquera Pimentel Riva de Neira casado con D.a Baltasara Antonia de Luna Lovera e Valladares. Ad Majorem Del Gloriam.»

En agradecemento, o rei concedeu a D. Antonio Mosquera Pimentel, propietario do pazo, o privilexio de “dereito de cadea”, que supón poñer cadeas ás portas da súa casa. Na actualidade só se conservan os escudos dos Mosquera Pimentel e Enríquez Novoa, e se mantén, ademais, unha antiga capela pero cunha moderna torreciña. Entre os donos deste conxunto histórico, figurou o político e xurisconsulto Aureliano Liñares Rivas.

É de planta rectangular, moi alongada, á que se lle apega perpendicularmente unha pequena capela restaurada recentemente, aínda que nun estilo que non está moi acorde co conxunto palaciano.
 A cor branca inunda os parámetros verticais, pero sempre deixando á vista as pezas de cantería dos vans. Como curiosidade, na fachada principal, a pedra vai salpicando o muro, como querendo saír á superficie entre o revocado branco, característico dalgunhas igrexas ou capelas mariñeiras. A entrada lábrase en cantería nun estilo que lembra o mundo clásico, con lintel recto sobre pequenos canzorros á maneira de tríglifos.

Localización