O alcalde de Frades reúnese en Fomento para avanzar no proxecto de acondicionamento e mellora da N-634, valorado en 350.000 euros
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, vén de reunirse con responsables do Ministerio de Fomento para avanzar na xestión do proxecto de acondicionamento e mellora da antiga estrada N-634, ao seu paso polo núcleo de Ponte Carreira. “Trátase dun proxecto valorado nuns 350.000 euros e que inclúe o arranxo da antiga estrada N-634 ao seu paso por Ponte Carreira, así como a construción dunha senda peonil onde rematan as beirarrúas”, explica Roberto Rey. Pola súa banda, o Concello de Frades asumiría a titularidade da estrada.
O “Proxecto de acondicionamento e mellora da estrada N-634” conta cun orzamento de execución de 348.870,62 euros e desenvolverase entre os puntos quilométricos 689,600 e 688,775. Contempla o arranxo do firme da calzada, previo ao seu aglomerado, así como a construción dunha senda peonil nas zonas onde non existen beirarrúas, que tamén serán reparadas.
A nova senda peonil terá un ancho de entre 1,8 e 2 metros, feitas en formigón do tipo HM-20 sobre unha capa de 20 centímetros de zahorra artificial para o explanado e compactado do terreo. Unha senda na que tamén se instalarán un par de varandas de madeira e un par de muros escolleira dun metro de altura.
O alcalde de Frades sinala que “o proxecto da obra xa quedara feito co anterior Goberno do Partido Popular e se apuntara que non serían precisas nin expropiacións nin elaborar un informe de impacto ambiental, polo que a súa execución sería áxil”. Unha actuación que permitiría mellorar o estado actual desta estrada que, segundo un informe da arquitecta municipal, presenta moitas deficiencias tanto no seu tramo urbano como interurbano que dificultan o tránsito de peóns e condutores, supoñendo un problema de seguridade viaria para os mesmos.
Neste sentido, o tramo urbano ten o estado do firme moi deteriorado, con fendas e elementos desprendidos. As beirarrúas teñen rebentados os seus bordes e non existe nin un só paso peonil en todo o traxecto. Uns desperfectos aos que hai que engadir que as dúas vías de servizo presentan grandes fochancas. Unha situación que motivou que en marzo de 2017, o pleno de Frades acordara por unanimidade solicitarlle ao Ministerio de Fomento o arranxo desta estrada. Unha petición que, tras distintas reunións coa Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e con responsables do Ministerio de Fomento, foi asumida polo anterior Goberno Central, que xa deixou elaborado o proxecto técnico.