O Concello de Frades ve con preocupación o expediente de regulación de emprego anunciado hoxe pola empresa Erimsa e amosa o seu apoio aos traballadores e traballadoras da firma, na súa gran maioría residentes en Frades e en municipios da comarca de Ordes (Mesía, Oroso e Ordes, principalmente). O alcalde de Frades, Roberto Rey, lamenta o anuncio realizado pola empresa e xa lle trasladou o seu apoio ao comité de empresa.

Rey Martínez confía nas afirmacións realizadas polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, quen agarda poder identificar vías nas conversas con Erimsa que permitan que a explotación da empresa poida seguir desenvolvéndose á vez que se cumpren todas as garantías ambientais recollidas na lexislación. Neste sentido, valora as últimas medidas correctores anunciadas pola empresa (como non actuar sobre terreos dedicados a agricultura ecolóxica ou que estean afectados pola PAC ou outro tipo de axudas; así como renunciar a calquera tipo de expropiación, chegando sempre a acordos cos propietarios).

Finalmente, Roberto Rey asegura que “no Concello de Frades nunca tivemos ningún problema coa empresa, nin tivemos reclamacións dos propietarios dos terreos sobre os que actuou. Sabemos que se traballou con grandes e pequenas explotacións gandeiras, en distintos terreos e nunca houbo problemas, sempre houbo un bo trato entre eles e os terreos lles quedaron ben acondicionados aos propietarios unha vez finalizada a actividade extractiva”. Así mesmo, o alcalde valora “a colaboración da empresa tanto en actividades que organizamos dende o Concello, como con asociacións deportivas, culturais, asociacións de veciños e comisións de festas de Frades”.