Dende o Concello de Frades queremos manifestar neste 25N a nosa postura de rexeitamento ante todo tipo violencia e o noso compromiso coa erradicación da violencia exercida contra as mulleres. Porque vítima a vítima, unha e outra vez, o listado de mulleres asasinadas a mans da violencia machista golpea as nosas conciencias polo que consideramos fundamental que as entidades locais traballemos na oportunidade real de avanzar na loita contra esta violencia. Os teitos de cristal existen, a discriminación laboral e salarial é doada de comprobar e a muller está ausente de moitos foros porque non se procura a súa presenza sendo desprazada unha e outra vez cando a sociedade o que necesita é escoitar a súa defensa e o seu parecer.

A promoción da igualdade real entre mulleres e homes son retos aos que se enfronta a sociedade en xeral, pero somos os gobernos locais en particular os que temos un papel decisivo por ser os máis próximos á cidadanía. Para iso é fundamental traballar desde a educación e a concienciación da cidadanía lexislando con perspectiva de xénero. Por iso queremos polo tanto facer un chamamento a todas as institucións locais para traballar #PoloBoTrato a través da adhesión á campaña promovida pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) xunto co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, co obxectivo de promover a igualdade real entre homes e mulleres e comprometéndonos co decálogo de boas prácticas que se propón na campaña.

Daquela avancemos #PoloBoTrato e comprometémonos a:

1. Empregar linguaxe libre de connotacións sexistas
2. Integrar a perspectiva de xénero nas nosas decisións
3. Difundir unha imaxe non sexista da muller
4. Traballar entre a poboación máis nova a prevención da violencia machista e os
valores de igualdade e respecto
5. Fomentar a corresponsabilidade nas tarefas e a ética no coidado, tanto de menores
como de persoas dependentes
6. Identificar e emendar as deficiencias que atopemos a nivel municipal na loita
contra a violencia cara ás mulleres
7. Respectar a conciliación da vida laboral, familiar e persoal, e a igualdade de
oportunidades no cadro de persoal
8. Promover unha representación equilibrada de mulleres e homes en tribunais,
xurados, comités e comisións
9. Rexeitar a contratación de actividades nas que se promovan unha imaxe sexista da
muller
10. Prestar especial atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade

O Concello de Frades #PoloBoTrato no 25 de Novembro