Un cento de exalumnos e exalumnas de Frades homenaxean a Manuel Cortiñas Pontón
Un cento de exalumnos/as de Manuel Cortiñas Pontón (1910-1990), así como a práctica totalidade da corporación municipal de Frades, participaron esta fin de semana nunha homenaxe póstuma a quen fora mestre na parroquia de Gafoi entre os anos 1955 e 1975. O acto estivo presidido polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e tamén asistiron o neto do homenaxeado, Miguel Cortiñas, e algúns sobriños e familiares.
A homenaxe consistiu no descubrimento dun monólito, emprazado no lugar onde estaba a escola na que deu clases no campo da feira de Ponte Carreira, cunha litografía do homenaxeado e a lenda: “Na lembranza de D. Manuel Cortiñas Pontón (1910-1990). Mestre da parroquia de Gafoi de 1956 a 1975. Remanecen na memoria as leccións do mestre bo: entrega, galeguidade, laicismo, compromiso coa comunidade educativa… Exalumnado e simpatizantes do mestre, co patrocinio do Concello de Frades. Novembro de 2019”. Posteriormente tivo lugar un xantar de confraternidade.
Home bo e xeneroso
Roberto Rey definiu a Manuel Cortiñas como “un home bo e xeneroso, que ilustrou e iluminou a vida do seu estudantado. Unha persoa a quen lle interesaba o ben do seu alumnado. Preocupábase porque foran ás clases e mesmo ía á casa dos pais e nais para recollelos na casa para que fosen estudar e obtivesen o seu certificado de estudos primarios”. Neste sentido lembrou que “aínda que as clases eran para nenos e nenas a partir dos seis anos, el tamén collía aos de catro porque dicía que onde entraban sesenta, tamén entraban setenta. Era unha escola moi pequena pero aló estudaron case oitenta alumnos e alumnas, divididos en clases de nenos e nenas”.
Rey Martínez tamén salientou a preocupación do mestre polas tradicións e a lingua galega: “para que os nenos e nenas estudaran máis a gusto traducía ao galego os textos do castelán que viñan impostos polo Ministerio”, así como “tamén impartía clases pola noite para a xente que non podía asistir pola mañá e os sábados daba clase de canto e de debuxo, por iso é unha persoa querida e recordada”.
Pola súa banda, Antonio Espiñeira, en representación do colectivo de exalumnado promotor e impulsor deste recoñecemento a Manuel Cortiñas, deu lectura a un comunicado consensuado entre as persoas presentes no que destacou que “se hoxe nos mobilizamos para facer esta homenaxe é porque permanece en nós a lembranza do mestre como referente positivo aínda transcorridos tantos anos do seu pasamento. Isto fala ben da calidade humana do homenaxeado e tamén de nós, que fomos quen de recuperar o espírito do mestre”.
Espiñeira lembrou que “mentres o galego estaba perseguido na escola, o noso mestre sempre respectou o uso da lingua da terra dos seus escolares, practicamente na súa totalidade o galego. El comunicábase indistintamente en galego ou en castelán co alumnado e as cancións que nos aprendía eran galegas e en galego. Lembremos, entre outras, Do outro lado do río, Quen son aqueles tres mozos? ou Ábreme a portiña. A día de hoxe, a primeira delas aínda segue a ser unha especie de himno local que cantamos en calquera evento”. De feito, como non podía ser doutra maneira, tras o descubrimento do monólito varias das persoas presentes interpretaron “Do outro lado do río” no lugar que fora a súa antiga escola.
Despois de que o neto do homenaxeado, Miguel Cortiñas, simplemente agradecera esta homenaxe a todas as persoas presentes, Manuel Ferreiro Marzoa, concelleiro de Ensino e instrutor do expediente de honras a Manuel Cortiñas, destacou do mestre “a súa gran preparación, a súa humildade, a súa vocación, o amor á cultura galega, o ser un adiantado aos seus tempos facendo do bilingüismo unha riqueza e unha ferramenta para transmitir coñecementos. A fonda pegada que deixou no seu exalumnado é o que fixo posible este acto despois de nada máis e nada menos que corenta anos”. Así, destacou que “foi un pracer reunirme co seu exalumnado e ver o cariño que lle tiñan e lle teñen, que impulsaron este acto para darlle este recoñecemento a quen foi o seu mestre”.
Manuel Cortiñas Pontón
Esta homenaxe chega despois da aprobación por unanimidade do expediente de distinción e honras a Manuel Cortiñas Pontón na sesión plenaria do pasado mes de setembro. Un expediente que foi instruído polo concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, a raíz da petición dun grupo de veciños e veciñas de Gafoi que, encabezados por Antonio Espiñeira, presentaron un escrito con corenta sinaturas das parroquias de Gafoi e Ledoira para que o Concello de Frades lle fixera un recoñecemento a Manuel Cortiñas Pontón, nado en Santiago en 1910 e mestre da parroquia entre 1956 e 1975.
Manuel Cortiñas, casado con Victoria Pérez, mestra tamén en Ponte Carreira, foi tamén alcalde de Frades entre 1973 e 1974, así como o primeiro director do actual CPI de Ponte Carreira. Viviu en Aiazo e desprazábase ata a escola primeiro en bicicleta e despois en moto, ata que nos anos sesenta tivo o seu primeiro coche. Daba clases a alumnado de entre 6 e 14 anos, en horario de mañá e de tarde. E, pola noite, ensinaba a outros grupos nos lugares de Ledoira, Pastor, Frades e Aiazo, aos que se sumaba xente das distintas parroquias de Frades e mesmo de concellos lindeiros. Os sábados tamén daba clases, nesta ocasión de canto e de debuxo.