O Concello de Frades convoca as axudas para transporte e material escolar dirixidas ás familias cos ingresos máis baixos do municipio
O Concello de Frades convoca as axudas para transporte e compra de material escolar para o curso académico 2019-2020, que están dirixidas ás familias máis necesitadas do municipio, concretamente, as unidades familiares que teñan unha renda per cápita inferior ao IPREM (537,84 € mensuais). Unhas axudas cuxas bases foron publicadas hoxe no BOP, polo que mañá martes se abre un período de 15 días hábiles para presentar as correspondentes solicitudes.
A subvención para transporte escolar está dirixida a alumnado de Bacharelato ou de Formación Profesional (Grao Medio) e terá unha contía de 200 euros, é dicir, 50 euros máis que ata o de agora. Pola súa banda, as axudas para a compra de material escolar están dirixidas a alumnado de segundo grao de Educación Infantil (3-5 anos) e ascenderán a 70 euros por alumno/a e curso. O Concello de Frades destinará un total de 5.000 euros a estas axudas.
En ambos os casos, para poder optar a estas axudas é preciso que a persoa estea empadroada e teña residencia efectiva no Concello de Frades, que estea cursando os estudos para os que solicita a axuda e que a súa familia estea ao día no pago das obrigas tributarias co Concello. O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro, explica que “aínda que o segundo grao de Educación Infantil, o grao medio da FP ou o Bacharelato non son ensinanzas obrigatorias, o Concello de Frades convoca estas axudas para estas etapas para axudar a que as familias con menos recursos económicos teñan acceso á formación en igualdade de condicións”.
Documentación
Para presentar as solicitudes, as familias deberán dirixirse aos Servizos Sociais do Concello de Frades e achegar a seguinte documentación: copia do DNI de todas as persoas integrantes da unidade familiar, resgardo da matrícula do centro no que está a realizar o curso escolar deste ano e xustificante dos ingresos da unidade familiar en 2018 (declaración da renda, nóminas, pensións, certificado de ser demandante de emprego etc). No caso das axudas para material escolar, será preciso presentar tamén copia do libro de familia no que figuren todos os membros da unidade familiar.
O prazo de presentación de solicitudes remata o martes 10 de marzo e as subvencións unicamente serán concedidas ás familias cunha renda per cápita inferior ao IPREM (537,84 € mensuais). Para máis información, as persoas solicitantes poden dirixirse aos Servizos Sociais Municipais ou chamar ao teléfono 981 695 567.