spacer
Máis de 600 persoas participaron na Festa e Concurso de Disfraces do Concello de Frades

Poucas veces unha decisión dun xurado foi tan ben recibida como a que lle outorgaba onte o primeiro premio do Concurso de Disfraces de Frades á comparsa “O soño de Carolina”, integrada por veciñanza do municipio. Unha creativa e divertida “loita” entre os soños e os pesadelos dunha pequena nena que emocionou a todas as persoas presentes, tanto pola beleza das coreografías como polo orixinal dos disfraces, en especial o dos pesadelos.

Un festival no que participaron máis de seiscentas persoas chegadas tanto da comarca ordense coma doutros municipios e que se prolongou durante máis de tres horas, xa que tras o concurso de disfraces as persoas participantes tiveron á súa disposición inchables, música, un fotomatón de Entroido e obradoiros, da man de Fantasía Animación. Ademais, os máis pequenos e pequenas contaron coa presenza de personaxes coma Peppa Pig, os Minion ou a Patrulla Canina; e, durante toda a xornada, o Concello de Frades convidou ás persoas presentes a flocos de millo e a chocolate quente con rosca. Así mesmo, ao rematar o Concurso de Disfraces todos os nenos e nenas levaron cadansúa bolsa de lambonadas para a casa.

No que atinxe ao Concurso de Disfraces, repartíronse 1.200 euros entre máis de 150 participantes disfrazados. Os grandes gañadores da noite foron os integrantes da comparsa “O soño de Carolina” (Frades), que levaron un premio de 300 euros. Os outros dous premios viaxaron a Ordes: o segundo premio foi para “Os trasnos da muiñeira”, premiada con 150 euros; e a divertida “Imos de voda”, terceira con 75 euros. 

O Concello de Frades entregou tamén tres premios especiais a tres grupos locais: “Os Bar-Tolos”, “As velutinas repeiras” é “David o lambón e a banda do Mesón”, de 125, 75 e 50 euros, respectivamente. A categoría adulta completouse cos premios a “La morena de A Ponte” e “Convenio Frades-China”, ambas veciñas do municipio e que levaron 100 e 75 euros. 

Finalmente, Ordes acumulou todos os premios da categoría infantil, modalidade grupo: “De Galicia para o mundo”, “Visita papal a Frades” é “Ás veces é mellor non ver”, que conseguiron 100, 60 e 30 euros de premio. “Robobotes” (Trazo) e “A vaquiña polo que vale” (Vitre) completaron a lista de premios, entregados polo alcalde, Roberto Rey Martínez, e os concelleiros Miguel Prado, Manuel Ferreiro, Juan Carlos Portos, Jesús Francos e Ángeles Vázquez. 

Máis de 600 persoas participaron na Festa e Concurso de Disfraces do Concello de Frades