spacer
O alumnado do IES de Ponte Carreira fará o logo e o slogan que o Concello de Frades adoptará nas súas actividades de igualdade

O Concello de Frades conmemorará o Día da Muller a través da campaña “Concurso de logo e slogan”, na que levan traballando dende o pasado 19 de febreiro os alumnos e alumnas de educación secundaria do IES Ponte Carreira. O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, explica que “con esta campaña, o Concello pretende implicar á mocidade na creación dun logo e dun slogan que reivindiquen os logros acadados en materia de igualdade e que reflictan a importancia de seguir loitando conxuntamente por unha sociedade libre de mandatos sexistas”.

Este venres 6 de marzo o xurado decidirá a proposta gañadora, de entre todas as presentadas polo alumnado do instituto de Frades. Pasará a formar parte da campaña municipal do Día Internacional contra a Violencia de Xénero (25 de novembro) e integrarase na cultura urbana do municipio a través dun graffiti colocado nun espazo visible do municipio que se fará o vindeiro luns 9 de marzo.