O Concello de Frades enviará a próxima semana unha máscara reutilizable a cada persoa empadroada no municipio
O Concello de Frades enviará durante a próxima semana unha máscara de protección reutilizable a todos os domicilios do municipio, unha por cada veciño e veciña empadroada. O alcalde, Roberto Rey Martínez, explica que “estamos a piques de recibir un pedido de 2.500 máscaras reutilizables, que enviaremos a cada persoa empadroada en Frades ao seu domicilio durante a próxima semana”.
Durante este tempo de corentena, o Concello de Frades recibiu varias achegas de material de protección por parte da Xunta de Galicia. Concretamente: 870 máscaras cirúrxicas, 1.200 luvas, 24 buzos, 6,5 litros de xel desinfectante para mans e outros 15 litros de lixivia. Así mesmo, o pasado luns o Concello de Frades recibiu unha achega de 200 máscaras da Delegación do Goberno, que foron postas á disposición das persoas que se incorporaban ao seu posto de traballo despois do permiso retribuído, e ao longo dos próximos días agárdase a chegada de máis material por parte da Deputación da Coruña.
Finalmente, o Concello de Frades quere agradecer publicamente a colaboración ofrecida polas mulleres voluntarias da comarca de Ordes e á Mancomunidade de Ordes, que achegaron 500 máscaras de protección que xa foron repartidas no municipio; así como á asociación de mulleres rurais da comarca de Melide, Alecrín, que doou outras 500 máscaras de tea reutilizables para o seu reparto entre a veciñanza de Frades.
“Este material foi empregado, principalmente, polas persoas que prestan o servizo de axuda no fogar e tamén polo persoal que está a realizar labores de limpeza e desinfección dos lugares máis concorridos pola veciñanza durante esta corentena: centro de saúde, farmacias, supermercados, tendas de alimentación, entidades bancarias…”, puntualiza Rey Martínez, quen engade que “a maiores, fixemos entrega de material a todas as persoas que están a traballar nos distintos establecementos abertos ao público durante esta corentena, ás que agradecemos o seu esforzo”.