spacer
O Concello de Frades e a Dirección do CPI Ponte Carreira colaboran na adaptación do centro ás normas da Covid-19

O Concello de Frades está a colaborar coa Dirección do CPI Ponte Carreira na adaptación das instalacións do centro aos protocolos sanitarios fronte á Covid-19. “Instalamos un xogos termoplásticos no patio que arranxamos o ano pasado, achegamos dispensadores de xel e puxemos tres persoas á disposición do colexio para que axudaran a adaptar as instalacións ás esixencias sanitarias e que estarán no centro todo o tempo que sexa necesario”, explica o concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro.

Ferreiro Marzoa sinala que “a volta ao colexio en Frades está sendo exemplar. A ratio de alumnado é moi baixa e dispoñemos de dous edificios, un para a ESO e outro para infantil e primaria. Puxémonos á disposición do colexio e non houbo ningunha queixa nin problemas para cumprir coas medidas do protocolo enviado pola Xunta. Por iso penso que vai funcionar moi ben, ao igual que o fixeron os campamentos de verán”.

Actuacións

Durante as semanas pasadas, o Concello de Frades instalou seis xogos termoplásticos no patio interior rehabilitado o ano pasado. Trátase de xogos dirixidos a un público moi novo como o dragón alfabeto, a espiral dos números, a tradicional mariola ou un xogo de educación viaria para aprender os sinais de tráfico. Estes xogos teñen a vantaxe de seren moi cómodos, brandos e silenciosos, impermeables á choiva, doados de limpar e moi duradeiros.

A maiores, o Concello colocou o vinilo de entrada co nome do colexio e pintou varias zonas de xogo, coa finalidade de que a rapazada poida manter a distancia de seguridade. A maiores, o Concello xa dispuxera nas instalacións algúns dos dispensadores de xel hidroalcohólico que colocou nos distintos edificios municipais. Tamén se acometeron actuacións de roza e mellora das zonas verdes do centro.

En 2019, o Concello de Frades investira 30.000 euros de fondos propios na realización de importantes obras de mellora do CPI de Ponte Carreira. Coa colaboración da Xunta de Galicia, procedeuse á habilitación do devandito patio interior e á renovación do falso teito e do alumeado do comedor escolar.

O Concello de Frades e a Dirección do CPI Ponte Carreira colaboran na adaptación do centro ás normas da Covid-19