spacer
O Concello de Frades inviste 82.000 € no arranxo do camiño Fondevila-A Cheda e na mellora dos accesos a Canedo e Fondevila

O Concello de Frades vén de investir 82.038,81 euros no arranxo do camiño que une a AC-524 coas localidades de Fondevila e A Cheda, así como na mellora dos accesos ás localidades de Fondevila e Canedo. Tres obras emprazadas na parroquia de Abellá e que foron adxudicadas á empresa Cosmalca SL.

As obras consistiron na ampliación dun camiño de 2.530 metros entre a AC-524 Ordes-Lanzá e as localidades de Fondevila e A Cheda, cuxa plataforma foi ancheada nun metro. Así mesmo, para mellorar a seguridade viaria pavimentáronse outros 150 m2 adicionais de sobreanchos na mesma estrada. Ademais da reparación de fochancas, executáronse 25 metros de cuneta de seguridade nunha zona que carecía dela.

Así mesmo, o Concello de Frades mellorou os accesos ás localidades de Fondevila e Canedo. A actuación en Fondevila incluíu a pavimentación de tres treitos de 210 metros de lonxitude, así como a apertura de gabias e limpeza de salvagabias para unha correcta drenaxe das augas pluviais. No caso de Canedo, a pavimentación tivo lugar en dous treitos que sumaban 480 metros de lonxitude, onde tamén se abriron gabias e se limparon as salvagabias.

As obras foron executadas nestes últimos tres meses pola empresa Cosmalca SL e foron financiadas con cargo ao Plan Único de Concellos “POS+ Adicional 1/2019” da Deputación Provincial da Coruña.

O Concello de Frades inviste 82.000 € no arranxo do camiño Fondevila-A Cheda e na mellora dos accesos a Canedo e Fondevila