spacer
Aberta a inscrición para participar no obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo III

A Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia vén de concederlles aos concellos de Ordes, Frades e Mesía un novo obradoiro dual de emprego, denominado "Brañas do Illó-Río Samo II", que formará a un total de 20 persoas nas especialidades de:

  • actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Nivel 1.
  • repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. Nivel 2.

O obradoiro, promovido polo Concello de Ordes, conta coa colaboración dos concellos de Frades e Mesía e está subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. Será un obradoiro dual, polo que combinará un contrato de formación e aprendizaxe de nove meses cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa situada dentro do ámbito municipal e cunha actividade vencellada ás materias impartidas no obradoiro.

O obradoiro está dirixido a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego. Deben carecer de ocupación remunerada e estar dispoñibles para o emprego, sempre que poidan subscribir un contrato de formación durante toda a duración do obradoiro.

Todas as persoas interesadas en participar na selección, tanto de persoal directivo, docente e de apoio como alumnado-traballador, deberán anotarse na Oficina de Emprego de Ordes para participar no obradoiro, tendo como data límite o venres día 13 de novembro. Dada a situación ocasionada pola pandemia da Covid-19, para acudir á Oficina de Emprego de Ordes hai que pedir cita previa a través destes tres medios:

  1. nos teléfonos 012, 881 960 455, 881 960 456 ou 881 960 457
  2. a través da web http://emprego.xunta.gal
  3. a través da aplicación MOBEM (versión Android ou versión IOS).

Na selección terán preferencia, en xeral, as persoas emigrantes retornadas; as mulleres; as mulleres vítimas de violencia de xénero; as persoas que esgotaran as prestacións e subsidios por desemprego; as persoas paradas de longa duración; as per-soas maiores de 45 anos; as persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, excepto para os certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 3 en que se require unha maior formación, xa que estes programas van dirixidos ás persoas que, con carácter xeral, carecen dunha cualificación profesional; as persoas con discapacidade sempre que poidan realizar os traballos e as persoas beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia.