spacer
O Concello de Frades aproba a resolución definitiva das axudas do PEL-Reactiva, que achegan 33.000 euros a 19 microempresas e persoas autónomas do municipio

O Concello de Frades aprobou, por Decreto de Alcaldía do día 3 de febreiro, a resolución definitiva da concesión de axudas do PEL-Reactiva 21/2020, cun importe total de 33.000 euros e que beneficiarán a un total de 19 microempresas e persoas autónomas do municipio. Case o 37% das axudas concedidas corresponden a cafeterías e establecementos de restauración, un 21% a salóns de peiteado e beleza e o 42% restante a outros servizos como saúde, téxtil, ocio e pequeno comercio.

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, agarda que “estas axudas sirvan para minorar os danos derivados da pandemia da Covid-19 e contribúan no posible a impulsar a actividade económica e o emprego no noso municipio. Dende a corporación de Frades seguiremos apoiando ás empresas e persoas autónomas para que poidan seguir traballando, co obxectivo de mellorar o benestar social e económico de toda a nosa veciñanza”.

O presuposto inicial co que contaba este programa, promovido pola Deputación da Coruña, era de 36.196,68 euros, dos que o Concello de Frades achegaba o 20%. Á iniciativa presentáronse un total de 22 solicitudes das que, unha vez valoradas polo Concello, foron aprobadas 19, sumando un total de 33.000 euros concedidos. O prazo para realizar as alegacións pertinentes rematou o pasado 25 de xaneiro polo que, revisadas de novo todas as solicitudes, o Concello procedeu a conceder as axudas, aprobadas por Decreto de Alcaldía, e publicar a resolución definitiva destas.