spacer
Gonzalo Trenor visita ao alumnado do obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo III

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o obradoiro de emprego Brañas do Illo-Río Samo III, organizado polos Concellos de Frades, Mesía e Ordes. Un obradoiro que está centrado en actividades auxiliares e conservación de montes e en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e que conta cunha achega da Xunta da máis de 346.000€. Este taller de emprego, dirixido a desempregados de calquera idade, está a formar a vinte persoas (10 de Ordes, 5 de Frades e 5 de Mesía).

Trenor estivo acompañado polos alcaldes dos Concellos de Frades, Roberto Rey Martínez, e Mesía, Mariano Iglesias; así como pola concelleira de Política Social, Igualdade, Educación e Traballo do Concello de Ordes, Susana García. Roberto Rey agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia nesta terceira edición do obradoiro de emprego e lembrou que "xa pedimos un cuarto obradoiro porque é moi bo para o voso futuro".

O representante da Xunta na Coruña lembrou que na comarca de Santiago estanse a realizar oito obradoiros: cinco ordinarios duais e tres dirixidos a menores de 30 anos. Concretamente, os ordinarios estanse a celebrar en Ordes; en Santiago de Compostela; en Boqueixón (compartido con O Pino), Touro e Vedra ; en Ames (compartido con Brión); e en A Baña (compartido con Negreira), Santa Comba e Val do Dubra. O de garantía xuvenil desenvólvense en Negreira (compartido con A Baña, Santa Comba e Val do Dubra); en Rois (compartido con Padrón e Dodro); e en Santiago de Compostela. A Xunta achega máis 2,7 millóns de euros para os gastos de organización, profesorado e axudas para os participantes.

Trenor destacou que os obradoiros están dirixidos á realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a cualificación profesional dos desempregados e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación está sendo especialmente útil nestes difíciles momentos porque os alumnos ademais de recibir formación perciben un salario durante os meses que dura o obradoiro.

O representante do Goberno autonómico incidiu en que a formación que se imparte nos concellos está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna, o que lles permite atopar con facilidade posibles empregados entre os alumnos. En relación con taller de Rianxo, centrado na creación de páxinas web, destacou que é un sector que neste momento ten moita demanda sobre todo enfocado á venta e comercialización online ante as novas necesidades xurdidas pola crise sanitaria. Por iso, animou aos alumnos a aproveitar ao máximo cada minuto de curso porque “de vós depende que ao rematar á formación sexa máis fácil atopar un emprego”, engadiu.

Gonzalo Trenor visita ao alumnado do obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo III