spacer
Unanimidade do Pleno de Frades para esixirlle ao Ministerio de Transportes o arranxo inmediato da ponte sobre o Tambre e da N-634 ao seu paso por Ponte Carreira

O Pleno municipal de Frades aprobou por unanimidade a proposta do alcalde, Roberto Rey, de esixirlle ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a inmediata realización de melloras na ponte sobre o Tambre e na N-634 ao seu paso pola localidade de Ponte Carreira. Unha petición fundamentada nun informe da arquitecta municipal que denuncia que “o tramo urbano de Ponte Carreira presenta numerosos problemas que dificultan o tránsito por ela, así como problemas de seguridade viaria tanto para os vehículos como para os peóns”.

Neste sentido, “a ponte vella que cruza o río Tambre entre O Pino e Frades se atopa en mal estado de conservación, con moita maleza e con pezas desprendidas e caídas nas leiras lindeiras”, apunta o alcalde, Roberto Rey Martínez. Así mesmo, denuncia que o paso inferior da estrada no lugar de Campoduro ten gran cantidade de barro que dificulta o tránsito e que a vía de servizo próxima ao límite con Mesía, que dá servizo a varias vivendas, non conta cun acceso asfaltado, provocándolles graves prexuízos a estas persoas. A maiores, e a petición do voceiro municipal do BNG, Manuel Míguez, o Pleno incluíu tamén a solicitude do “arranxo do cambio que fixeron na estrada de acceso dos camións á Cooperativa Láctea. Fixeron unha rotonda moi pequena e que non está delimitada, o que causa moitos problemas aos camións que a utilizan”. Unha petición que será engadida ao informe técnico que se remitirá ao Ministerio.

Incumprimento dun acordo de 2018

Previamente, Roberto Rey dera conta ao Pleno da resposta do Ministerio á solicitude de cesión  por parte do Concello de Frades do tramo urbano da estrada, realizada en setembro de 2020 e condicionada ao arranxo previo do tramo e á construción dunha senda peonil. Unha proposta que conta co visto e prace da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, onde os enxeñeiros Ángel González del Río, xefe da Demarcación, e Eduardo Toba Blanco, xefe da Área de Conservación e Explotación de Estradas da Coruña, “informaron favorablemente por ser accións xa previstas polo Goberno do Estado”.

De feito, estas melloras están incluídas nun acordo de 2018 entre o Concello de Frades e o Goberno Central polo cal o Concello asumiría a titularidade desta estrada a cambio do seu arranxo e da construción dunha senda peonil en Ponte Carreira. Porén, o pasado mes de abril de 2021, o Ministerio de Transportes remitiuse a unha orde de 2013 para informar que está disposto a realizar a cesión pero sen o arranxo previo da estrada nin a realización da senda peonil.

Diante desta situación, o Pleno de Frades acordou por unanimidade rexeitar a cesión do tramo da N-634 nas condicións propostas polo Ministerio, trasladarlle ao Ministerio “o malestar do Concello de Frades porque non se cumpran os acordos de 2018, que non só beneficiaban a ambas as partes, senón sobre todo aos veciños e veciñas de Ponte Carreira”, explicou Roberto Rey. Así mesmo, o Pleno reiterou a súa petición de cesión do tramo, arranxado e coa senda peonil incluída, tal e como foi aprobada no seu día pola Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.

No debate, o alcalde insistiu en que “non ten sentido xustificarse nunha orde de 2013 para incumprir un acordo de Goberno de 2018 simplemente por cuestións de cor política dunha corporación e cando todos podemos ver que se están facendo este tipo de obras noutros concellos da comarca”. Pola súa banda, o voceiro do PSOE, Enrique Astray, asegurou que “transferir sen melloras faino calquera. Primeiro que a arranxen. Do contrario non aceptaremos a transferencia porque sería unha mala xogada para Frades”. O voceiro do BNG, Manuel Míguez, insistiu en que “o acordo é inaceptable nas condicións que deixan o tramo. Se non o transfiren, que o teñan en boas condicións”, instando ao Concello a “ser contundentes e pesados”.

Unanimidade do Pleno de Frades para esixirlle ao Ministerio de Transportes o arranxo inmediato da ponte sobre o Tambre e da N-634 ao seu paso por Ponte Carreira