spacer
O Pleno apoia por unanimidade o escrito da asociación de veciños Os Labregos de Abellá para reclamar a reapertura do consultorio médico de Abellá

O Pleno municipal de Frades aprobou por unanimidade un escrito presentado pola asociación de veciños Os Labregos de Abellá, que manifestaban “o malestar pola decisión da Xunta de Galicia de pechar o consultorio de Abellá dende o inicio da pandemia” cando “é un servizo esencial para atender a unha poboación de xente maior con dificultades para desprazarse”. O alcalde de Frades, Roberto Rey, amosou o seu total apoio ao escrito da asociación veciñal e explicou que “o Concello continúa facendo tarefas de limpeza e mantemento do consultorio, polo que está listo para reabrirse. Pensamos que é o momento de volver abrilo e que volva prestar o mesmo servizo que facía antes da pandemia, con 3 días de consulta por semana”.

Por iso, o Pleno de Frades solicitoulle á Xerencia de Atención Primaria a reapertura do consultorio, así como a restauración da atención presencial, limitando a telefónica para casos nos que non se poida manter a atención en persoa. Tanto PSOE como BNG sumáronse á proposta. Tal e como explicou o alcalde de Frades, ata o momento a Xerencia de Atención primaria negouse á reapertura do consultorio baseándose na imposibilidade de establecer un circuíto anticovid nel e a que o facultativo que está á súa fronte é persoal de alto risco, polo que non pode atender o consultorio en solitario.