spacer
Frades convoca os seus Campamentos Municipais de Verán, que terán lugar do 1 de xullo ao 31 de agosto

O Concello de Frades vén de convocar os seus Campamentos Municipais de Verán, un programa de conciliación da vida laboral e familiar durante as vacacións escolares que terá lugar do 1 de xullo ao 31 de agosto, en horario de 9:30 a 13:30 horas. Dirixidos a nenos e nenas en idade escolar, é dicir, de entre 4 e 12 anos, o prazo de inscrición estará aberto ata o 25 de xuño no Concello de Frades (981 695 567).

Os campamentos terán lugar no CPI Ponte Carreira e instalacións municipais como a piscina, o pavillón polideportivo ou o campo de fútbol. Haberá todo tipo de actividades: xogos, obradoiros, experimentando coa ciencia, masterchef, xardinería, festas, sendeirismo, piscina, festa da auga, actividades deportivas, contacontos... Todas as actividades realizaranse baixo as máis estritas medidas preventivas fronte á Covid-19.

Prezos

Os prezos mantéñense con respecto a anos anteriores. Así, as persoas empadroadas aboarán 25 euros por quincena, 50 euros por mes ou 100 euros polo campamento completo. No caso das persoas non empadroadas, os prezos serán de 40 euros por quincena, 80 euros por mes ou 160 euros polo campamento completo. O Concello de Frades establece descontos do 20% para o segundo irmán/á e do 50% para familias numerosas.

O Concello de Frades, organizador dos campamentos, conta coa colaboración da Xunta de Galicia, do Fondo Social da Unión Europea e da Deputación da Coruña.