spacer
A Xunta inicia as obras de mellora do firme na AC-524 ao seu paso pola travesía de Abellá

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou hoxe as obras de mellora do firme na estrada AC-524 ao seu paso polo concello de Frades. A Xunta de Galicia dá resposta así á petición realizada en xullo deste mesmo ano polo Pleno Municipal, que aprobou por unanimidade a proposta do alcalde, Roberto Rey, de esixirlle á Xunta de Galicia unha serie de melloras nesta estrada. Da que aínda non se ten resposta é da Deputación da Coruña, a quen na mesma proposta se lle instaba a arranxar a CP-3801 Sigüeiro-Cimadevila e a DP-3802 Ordes-Ponte Carreira.

A Xunta informa que para poder avanzar na execución destas actuacións de mellora na AC-524  é necesario o corte dun carril, regulándose o paso alternativo de tráfico polo outro. Está previsto que os traballos no firme se desenvolveran ao longo dunha semana e, posteriormente, levarase a cabo a reposición da sinalización horizontal, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

Esta intervención, cun investimento de preto de 50.000 euros, realizarase no entorno da travesía de Abellá, en concreto, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 8+600 e 10+350. As obras consistirán na reparación do firme mediante a mellora da capa de rodadura en 5 centímetros de espesor nas zonas nas que se atope en mal estado. As actuacións teñen como obxectivo resolver as deformación existentes na capa de rodadura, reforzando así a seguridade viaria nesta contorna. A Xunta continúa traballando na conservación e mantemento da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.