spacer
Frades aproba axudas de 400 euros para o fomento da natalidade e bonos-taxi para os desprazamentos sanitarios das persoas maiores

O Pleno de Frades aprobou este mediodía a creación de dúas ordenanzas reguladoras de axudas: unha de 400 euros para nacementos de fillos/as, adopción ou acollemento no Concello de Frades e outra de bono-taxi. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explicou que “o obxectivo común destas axudas é favorecer que a xente quede no rural, por unha banda apoiando ás familias e fomentando a natalidade, e pola outra facilitando a mobilidade das nosas persoas maiores”.

Así, a partir de 2022 o Concello de Frades entregará 400 euros a cada familia empadroada no municipio polo nacemento, adopción ou acollida dun/dunha neno/a. Unhas axudas que estarán abertas durante todo o ano e para as que será preciso estar empadroado/a en Frades cunha antigüidade de 12 meses e permanecer cando menos outros 2 anos despois de recibir a axuda. A medida foi aprobada cos votos a favor de PP e PSOE, xa que o BNG xustificou a súa abstención en que prefería que a contía total da axuda dependera do estado económico de cada familia.

Onde si houbo unanimidade foi na aprobación das axudas de bono-taxi, dirixidas a persoas maiores de 65 anos, cunha discapacidade do 65%, persoas dependentes (Graos II e III) que non teñan vehículo propio (ou non podan facer uso del) e non estean obrigadas a empregar un transporte adaptado. Ademais, para acceder a estas axudas hai que ter uns ingresos por debaixo do 80% do IPREM. Como no caso anterior, as axudas estarán abertas durante todo o ano e entrarán en vigor a partir de 2022.

Resto da sesión

O Pleno tamén aprobou, cos votos a favor do PP e as abstencións dos grupos da oposición, un suplemento de crédito de 39.000 euros con cargo a baixas doutras partidas. Neste caso, aumentaranse en 27.000 euros a partida destinada a obras, 3.000 euros a combustible e outros 6.000 á redacción dos plans contra a seca e do PACES. Uns incrementos que se fan con cargo a baixas procedentes da non ocupación do posto de Secretaría e unha menor transferencia á Mancomunidade, debido ao incremento da achega por parte da Xunta de Galicia. Así mesmo aprobouse o deslinde dun camiño público en Vitre.

Na quenda de mocións, o Pleno aprobou por unanimidade a adhesión do Concello de Frades á iniciativa Xabarín do Parlamento de Galicia (para que plataformas como Netflix ou HBO empreguen o galego); deuse lectura ao manifesto “Concellos polo bo trato” e unha moción do PP en defensa do sector lácteo na que se lle pide ao Goberno Central que habilite os mecanismos necesarios para que os agricultores cobren un prezo polo leite que cubra, cando menos, os custos de produción.