spacer
O Concello de Frades entrega 25 composteiros achegados por Sogama a outras tantas familias do municipio

O concelleiro de Medio Rural de Frades, Manuel Ferreiro Marzoa, fixo entrega de 25 composteiros a outras tantas familias do municipio. Con este terceiro reparto, xa son 100 as familias de Frades que se suman a este proxecto de valorización da materia orgánica nas súas vivendas para convertela nun compost de calidade.

Os composteiros repartidos foron achegados por Sogama e contan cunha capacidade de 400 litros. Uns depósitos fabricados con materiais reciclados e reciclables. Ferreiro Marzoa explica que “a compostaxe doméstica trae consigo importantes vantaxes ambientais, económicas e sociais. Dado que a materia orgánica representa o 42% dunha bolsa de lixo tipo, ao recuperala no propio fogar, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, propiciando desta forma que os servizos municipais poidan minorar a frecuencia de recollida e transporte dos residuos e, polo tanto, as emisións de CO2 á atmosfera”. 

Así mesmo, que cada vez máis veciños e veciñas opten pola compostaxe supón para o Concello de Frades un importante beneficio económico, xa que reduce a cantidade de residuos que se envían a Sogama para o seu tratamento, polo que o importe da factura a pagar será menor. E, desde un punto de vista social, recuperarase unha práctica tradicional no rural galego, como é a separación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.