O Concello de Frades amplía o servizo de abastecemento de auga aos lugares de Pibideira e Peñasco
O Concello de Frades vén de investir 64.889,05 euros na ampliación do servizo de abastecemento de auga aos lugares de Pibideira e Peñasco, un proxecto cofinanciado con 50.00 euros a través dunha axuda concedida pola Xunta de Galicia ao abeiro do programa operativo FEDER Galicia 2017-2020. Os restantes 14.889,05 euros foron achegados polo Concello de Frades a través de recursos propios.
A obra consistiu na ampliación da rede municipal de auga potable dende o lugar de Pazo co fin de abastecer aos lugares de Pibideira e Peñasco, na parroquia de Abellá. Para iso executáronse 2.112 metros de tubo de polietileno, previa escavación en zanxa e demolición do pavimento existente. O novo treito de canalización dispón de 6 válvulas de comporta, unha válvula de baleirado, unha ventosa, instaladas nas correspondentes arquetas. Tamén foi necesario realizar un cruce con topo duns 12 m. de lonxitude. Os traballos completáronse coa limpeza de gabias e salvagabias e a reposición dos pavimentos afectados polas obras.
Esta ampliación da canalización ata os lugares de Pibideira e Peñasco servirá, ademais, para futuras ramificacións da rede. Deste xeito, o Concello de Frades agarda chegar a dar servizo a lugares como Ansemonde, que actualmente carecen deste servizo.
A actuación foi cofinanciada pola Xunta de Galicia con 50.000 euros con motivo da axuda concedida ao abeiro da Resolución de 12 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvención aos concellos en réxime de concorrencia competitva, destinadas a execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración financiadas no marco do eixe REACT-UE, do programa operativo FEDER GALICIA 2017-2020 e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento AU300A) e da Resolución de 19 de abril de 2021 pola que se modifica a Resolución de 12 de marzo de 2021pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvención aos concellos en réxime de concorrencia competitva, destinadas a execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración financiadas no marco do eixe REACT-UE, do programa operativo FEDER GALICIA 2017-2020 e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento AU300A).