A VII Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades baterá este domingo o seu récord de participación: 520 persoas inscritas
Tras dous anos de ausencia obrigada pola emerxencia sanitaria, a VII Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades volverá este domingo 15 de maio a formar parte do calendario de carreiras en Galicia. E farao por todo o alto, rexistrando o récord de participación na súa historia, logo de pechar a inscrición cun total de 520 participantes.
O coordinador da proba, Lino Espiñeira, explica que “contaremos con máis de 200 corredores na proba absoluta, entre as que estarán os mellores corredores do panorama galego actual como Nuno Costa, Alejandro Fernández, David Santos, Akka Essaadaoui, Edymar Brea, Anxo Castro...”. Curiosamente, non estarán os actuais campións da proba, Lolo Penas e Paula Mayobre, ambos os dous por estaren lesionados.
Probas
A VII Carreira Pedestre Popular Concello de Frades desenvolverase a partir das 10:00 horas do 15 de maio na contorna da praza pública de Ponte Carreira. A proba principal, con saída ás 11:30 horas, percorrerá 8,6 quilómetros nunha ruta que combina asfalto e terra e que terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira. Unha proba que repartirá 1.850 euros en premios en metálico.
Os atletas correrán cun Chip que lles será entregado no momento de recoller o dorsal e que deberán entregar unha vez crucen a meta. Os dorsais poderán recollerse na Secretaría da Competición, na praza de Ponte Carreira, ata media hora antes da proba. Haberá servizo de vestiario e de duchas a disposición de todos os atletas no polideportivo municipal.
As probas escolares darán comezo ás 10:00 horas coa categoría Sub 6 (nados en 2018 e posteriores) que farán un percorrido de 300 metros (unha volta á praza). Ás 10:10 horas será a quenda dos sub 8, que percorrerán 500 metros. Oitocentos metros serán os que percorran os sub 10 e sub 12; mentres que os sub 14 e sub 16 feminino afrontarán 2.000 metros.
A VII Carreira Pedestre Popular Concello de Frades está organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo. Conta coa colaboración de: Deputación da Coruña, Cooperativa Leiteira de Frades, Feiraco, Centro de Fisioterapia y Rehabilitación Jessica Gómez, Nutri Sport, Garabato de Xogos, Camba Distribuciones SL, Eurofrut Sigüeiro, Bar Vilariño, Supermercado Claudio María Vázquez Pardo, Froitería A Nova, Pepsico, Erimsa, Carreiras Galegas e Correr en Galicia.