Festa do Samaín, magosto e excursión a Vigo, novidades do programa de actividades do Concello de Frades para o outono-inverno
O Concello de Frades vén de enviar a todos os veciños e veciñas do municipio o folleto coa programación das actividades para este outono-inverno, que inclúe iniciativas tanto para persoas adultas como para nenos e nenas. Un folleto que recollen máis de medio cento de actividades para todos os gustos e idades; algunhas de balde, outras de pago, pero todas elas coa obriga de anotarse previamente no Concello de Frades ou chamando aos teléfonos 981 695 567 ou 981 695 663.
Unha programación que inclúe sete actividades especiais, comezando coa recollida de fotografías antigas que ilustrarán o calendario do ano 2023. O Concello fai un chamamento á veciñanza para que acheguen imaxes da escola, primeiras comunións, vodas, excursións, festas, oficios, retratos... As persoas que teñan dixitalizadas as imaxes, poden envialas a correo@frades.gal ou museofrades@frades.gal. En caso de telas en papel, poden achegalas polo Concello ou chamar ao 981 695 567 para que as recollan. En calquera caso, as imaxes serán tratadas co máximo coidado, escaneadas e devoltas intactas e de inmediato ao seu propietario/a.
Castañas por partida dobre
Por outra banda, o Concello ten previsto acometer as derradeiras etapas do Camiño Inglés que, unha vez que se remate, dará paso ao Camiño Portugués. Así mesmo, o luns 31 de outubro está prevista unha Festa do Samaín no pavillón municipal de Abellá con obradoiros de máscarase e moitos xogos a partir das 17:00 horas. Haberá castañas asadas para todas as persoas asistentes, así como un agasallo para as que veñan disfrazadas. Inscricións no Concello antes do 27 de outubro.
E falando de castañas, o sábado 19 de novembro está previsto un magosto popular no parque Tralaeira (Local Social de Aiazo) organizado polo Concello en colaboración coa asociación de veciños Os Pasos. A participación é de balde, pero é preciso anotarse antes do 16 de novembro. A partir das dúas da tarde haberá filloas, chourizos, castañas asadas e música tradicional, así como actividades e xogos para a rapazada.
Finalmente, novembro traerá tamén dúas actividades de igualdade. A primeira será o espectáculo “Príncipas e princesos”, a cargo de Os Contos de Pablísimo, unha reflexión sobre a igualdade a través de contos atípicos de príncipes e princesas. Será o sábado 26 de novembro, ás 16:30 horas, no multiúsos de Frades. Anotacións ata o 25 de novembro, data na que se conmemorará o Día contra a violencia de xénero, con varias actividades dirixidas ao público en xeral e, en especial ao alumnado do CPI de Ponte Carreira.
A programación pecharase cunha excursión a Baiona e Vigo o sábado 3 de decembro para desfrutar da vila de Baiona, a fortaleza e visitar as luces de Nadal de Vigo. O prezo é de 35 euros (persoas empadroadas), dez euros máis para os non empadroados. Os nenos e nenas menores de 14 aboarán 25 euros (prezos que inclúen visita e xantar). Anotacións no Concello antes do 25N.
Actividades e cursos
Así mesmo, como todos os anos o Concello oferta os seus cursos para nenos e nenas, así como para persoas adultas, cuxos detalles se poden consultar no folleto adxunto. Como novidade deste ano, entre as actividades para a rapazada haberá Xogobaile, Badminton e Xogos Alternativos. Mantéñense o resto de actividades: aerobic/zumba infantil, ximnasia rítmica, escolas de iniciación e perfeccionamento á patinaxe, pádel, escolas de fútbol sala, debuxo e pintura, mecanografía, informática e escolas de inglés Get Brit!
No caso das persoas adultas haberá pilates, aeróbic-zumba, ximnasia de mantemento e pádel. Ademais, están programados unha trintena de cursos e obradoiros: quinta edición do curso de poda e enxertos, segunda edición do de sulfatos ecolóxicos, manipulación de alimentos, informática, mecanografía, escolas de inglés Get Brit!, traballos manuais nas parroquias, talleres de memoria, segunda edición do curso de apicultura, alfabetización dixital, bailoterapia, terceira edición do curso de plantas aromáticas e medicinais, manipulación de produtos fitosanitarios e renovación, segunda edición do curso de xardinería, terceira edición dos de horta ecolóxica e poda en verde, curso google my business, charla para previr accidentes, whatsapp para comercio, benestar animal, nutrición e dietética, mozo/a de almacén, conservación de alimentos, elaboración de bixutería con pasta fría, cestería, restauración e tapicería de mobles, patchwork, repostería creativa e cociña.
Máis información e inscricións no Concello de Frades: 981 695 567 ou 981 695 663.