spacer
Máis de seiscentas persoas participan no Concurso de Disfraces do Concello de Frades

O pavillón polideportivo de Ponte Carreira quedou pequeno durante a Festa de Disfraces do Concello de Frades, na que máis de seiscentas persoas chegadas tanto da comarca ordense coma de municipios próximos desfrutaron dun divertido e competido Concurso de Disfraces. Unha festa que se prolongou por máis de catro horas e na que as persoas participantes tiveron á súa disposición tres inchables, un fotomatón de Entroido e un obradoiro de lambonadas, da man de Fantasía Animación. 

Ademais, os máis pequenos e pequenas contaron coa presenza de Peppa Pig e Marshall (Patrulla Canina). Durante toda a xornada, o Concello de Frades convidou ás persoas presentes a flocos de millo, da man de Garabato de Xogos, e a chocolate quente con bica, mentres que ao rematar o Concurso de Disfraces todos os cativos e cativas levaron cadansúa bolsa de lambonadas para a casa.

Gañadores

No que atinxe ao Concurso de Disfraces, a competición estivo este ano moi disputada polo gran nivel amosado polos participantes que fixo que as votacións foran do máis apertado. Os grandes gañadores da noite foron uns vellos coñecidos: os integrantes da comparsa “24 de Poulo”, de Poulo (Ordes), que levaron o premio de 300 euros ao mellor grupo adulto. Este grupo recreou unha tradicional romaría e revalidou o triunfo conseguido nos anos 2015 e 2014.

O segundo premio da categoría foi para “Bar Tolo”, unha comparsa composta por veciños e veciñas de Frades que fixo unha representación dun bar tradicional no que da máquina de discos saían os personaxes que interpretaban as cancións: Luis Fonsi, Shakira, Alaska, Boney M... Levaron un premio de 150 euros. O xurado decidiu declarar deserto o segundo premio da categoría adulta e trasladalo á categoría grupo, polo que concedeu un terceiro premio de 50 euros a “Nunca Jamás”, unha posta en escena do clásico de Disney Peter Pan por un grupo de veciños e veciñas de Vitre (Frades). Na modalidade individual adulta, o primeiro premio de 100 euros foi para “Xubilados polo mundo”, de Frades. 

Na categoría infantil, o grupo gañador foi “8 e 10” (Ordes), unha divertida discusión musical entre tres parellas de pais e as súas respectivas fillas por chegaren dez minutos tarde á casa. O segundo premio foise ata A Coruña coas “Sweet California”, que puxeron a bailar a todo o público presente. Levaron 100 e 50 euros, respectivamente. Finalmente, na modalidade individual infantil os premios foron para Hugo (Frades) pola súa interpretación de “Shakira” e Valeria (Ordes) pola súa “Fantasía do Mar”. Levaron 60 e 30 euros, respectivamente.

Premios especiais

Finalmente, o primeiro premio especial do Concello de Frades foi para a comparsa “Picapiedra”, cunha coreografía baseada na popular serie de animación de Hanna & Barbera. O segundo premio foi para “Capitán América”, composto por un grupo de rapazas e rapaces de Frades. O terceiro premio recaeu nas catro participantes máis novas da xornada: “As fadas da Fraga”, de tan só 3 anos cada unha. Levaron uns premios de 125, 75 e 50 euros, respectivamente.

O xurado estivo composto por Manuel Ferreiro Marzoa, concelleiro de Ensino; Luís Sánchez Fernández, da ANPA do CPI Ponte Carreira; e Pilar Carro Veiras, traballadora municipal. Os premios foron entregados polo alcalde de Frades, Roberto Rey; e polos concelleiros de Cultura, Miguel Prado; Xuventude, Óscar Botana; e Medio Ambiente, Juan Carlos Portos.

Máis de seiscentas persoas participan no Concurso de Disfraces do Concello de Frades