spacer
O Concello de Frades celebra mañá unha xornada de portas abertas no MUFRA, único museo de etnografía e de historia na comarca

O Concello de Frades celebra mañá sábado 24 de marzo, de 17:00 a 20:00 horas, unha xornada de portas abertas no centro multiúsos para dar a coñecer o Museo de Frades (MUFRA), incluído no proxecto Centro de Cultura Tradicional “A Herdanza do Pasado”. Durante esa tarde terán lugar visitas guiadas ao museo para todas as persoas que desexen coñecelo, así como xogos tradicionais para toda a familia e merenda para todas as persoas asistentes. O grupo Faíscas da Pontraga será o encargado de poñer a nota musical.

O Centro de Cultura Tradicional “A Herdanza do Pasado” é un proxecto promovido polo Concello de Frades que inclúe a creación deste Museo de Frades como a cooperación e financiamento de actividades paralelas dirixidas á conservación das tradicións rurais do municipio, como puideron ser a celebración dun magosto en Aiazo, a exposición etnográfica da I Festa do Rural de Frades ou, máis recentemente, a Festa da Filloa de Abellá. 

As persoas que asistan poderán coñecer de primeira man os centos de pezas recompiladas ao longo dos últimos meses e que foron lixadas, limpadas, desparasitadas e recuperadas con mimo por profesionais da empresa “Acervo. Acción cultural”; así como máquinas antigas como unha cortaforraxes, que levaba décadas abandonada nunha pendella de Frades e que agora foi recuperada e posta a punto para desfrute de toda a veciñanza do municipio.

O proxecto está financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGeneration e en cuxa xestión participan a Axencia Galega das Industrias Culturais, o Ministerio de Cultura e Deporte do Goberno de España e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. A concesión da axuda está apoiada pola Xunta de Galicia, no marco do Xacobeo 2021-2022. O importe concedido divídese en dúas anualidades (2022 e 2023), correspondéndolle a cada unha delas a contía de 21.000€.