spacer
O Concello de Frades abre inscricións na súa Carreira Pedestre Popular, cuxa oitava edición terá lugar o luns 1 de maio

O Concello de Frades convoca a oitava edición da súa Carreira Pedestre Popular, que terá lugar na mañá do luns 1 de maio e que repartirá case 2.000 euros en premios. A proba, organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo, terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira e unha lonxitude de 8,6 quilómetros na súa categoría absoluta. Unha proba incluída no IX Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña. 

As inscricións deberán realizarse a través da páxina web www.emesports.es. As anotacións nas probas escolares son totalmente gratuítas (é dicir, sub 6, sub 8, sub 10, sub 12, sub 14, sub 16 e sub 18) mentres que os demais atletas (sub 20, sub 23, sénior e máster 1, 2, 3 e 4) deberán achegar 5 euros. O prazo de inscrición estará aberto ata as 23:59 horas do 27 de abril. Non se admitirán inscricións fóra dese prazo.

Premios

O Concello de Frades destina un total de 1.930 euros en premios para os cinco primeiros clasificados da categoría absoluta (250, 150, 100, 75 e 50 euros), tanto na categoría masculina como feminina; así como para os tres mellores equipos (150, 100 e 50 euros). A clasificación por clubs será establecida a través da suma dos puntos acadados polos seus 8 primeiros corredores en cruzar a liña de meta. A maiores, repartiranse vales de 100, 50 e 30 euros para os clubs que máis participantes acheguen á categoría escolar, vales que poderán cambiar por material deportivo.

Ademais dos premios en metálico, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto para homes como para mulleres. O Concello de Frades tamén entregará trofeos especiais aos tres primeiros equipos masculinos e femininos, así como para os tres primeiros clasificados/as empadroados/as en Frades. Así mesmo, haberá medallas para todos os participantes escolares. Os trofeos non serán acumulativos, agás os correspondentes aos atletas locais.

Só se admitirá a participación de clubs federados nos premios en metálico, que terán que presentar a listaxe de atletas co selo oficial da Federación Galega de Atletismo ou, no seu defecto, da Delegación correspondente. Na confección do club non poderán entrar atletas pertencentes a outros clubs nin filiais deste. Ademais, os equipos poderán ser masculinos ou femininos, non mixtos.

Paula Mayobre é a dominadora absoluta desta proba, que gañou en cinco das súas sete edicións (só quedou segunda en 2016, tras Ester Navarrete, e non participou na edición de 2022, que gañou Edymar Daniely Brea). Pola contra, na proba masculina só Lolo Penas e Nuno Costa, actual campión, foron quen de inscribir o seu nome dúas veces entre os gañadores. O resto de triunfos foron para Víctor Rioboo, Hassan Lekhili e David Santos.

Probas

A VIII Carreira Pedestre Popular Concello de Frades desenvolverase a partir das 10:15 horas do 1 de maio na contorna da praza pública de Ponte Carreira. A proba principal, con saída ás 11:45 horas, percorrerá 8,6 quilómetros nunha ruta que combina asfalto e terra e que terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira. Os atletas correrán cun chip que lles será entregado no momento de recoller o dorsal e que deberán entregar unha vez crucen a meta. Os dorsais poderán recollerse na Secretaría da Competición, na praza de Ponte Carreira, ata media hora antes da proba. Haberá servizo de vestiario e de duchas á disposición de todas e todos os atletas no polideportivo municipal.

As probas escolares darán comezo ás 10:15 horas coa categoría sub 6 (nados/as en 2018 e posteriores) que farán un percorrido de 300 metros (unha volta á praza). Ás 10:25 horas será a quenda dos sub 8, que percorrerán 500 metros. Oitocentos metros serán os que percorran os sub 10 e sub 12; mentres que os sub 14 e sub 16 feminino afrontarán 2.000 metros. A proba principal sairá ás 11:45 horas.

A VIII Carreira Pedestre Popular Concello de Frades está organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo. Conta coa colaboración de: Deputación da Coruña, Cooperativa Leiteira de Frades, Feiraco, Centro de Fisioterapia y Rehabilitación Jessica Gómez, Gofer Ordes, Sportec Ordes, Toribio Viqueira, Nutri Sport, Garabato de Xogos, Camba Distribuciones SL, Eurofrut Sigüeiro, Bar Vilariño, Supermercado Claudio María Vázquez Pardo, Froitería A Nova, Pepsico, Erimsa, Carreiras Galegas e Imprenta Alpi.