spacer
O Concello de Frades celebrará este sábado 27 de maio a XXIV Festa dos Nosos Maiores

O Concello de Frades celebrará este sábado 27 de maio a XXIV Festa dos Nosos Maiores, que terá lugar na carballeira de San Nicolao como todos os últimos sábados do mes de maio. A Xunta Electoral Provincial acordou hoxe aceptar as alegacións formuladas polo Concello de Frades, desestimar a denuncia do BNG pola convocatoria do xantar de maiores e deixar sen efecto a prohibición acordada pola Xunta Electoral de Zona de Santiago.

Na súa alegación, o Concello de Frades manifestou que a Festa dos Maiores de Frades é un evento que se celebra dende 1998 o derradeiro sábado do mes de maio e que se realiza como un convite de toda a corporación municipal, composta por membros do PP, PSOE e BNG. A Xunta Electoral Provincial considera que non se consideran incluídas na prohibición establecida no artigo 50.3 da LOREG festas populares que se celebren de forma regular e periódica en datas coincidentes cun período electoral, sempre que nin na organización nin nas intervencións se conteñan alusións ás realizacións ou logros das autoridades intervintes nin se induza o sentido do voto.

Ademais, a Xunta Electoral Provincial considera “significativo” que o evento se celebre anualmente sen interrupción en datas que en varias ocasións coincidiron con campaña electoral sen que se prohibira. Así mesmo, recalca que “a circunstancia de que se tratae do día de reflexión non altera a natureza ou a licitude do acto”.

Como todos os anos, a Festa dos Nosos Maiores comezará ás 13:00 horas cunha misa, que dará paso a unha actuación musical do Dúo Eva e Camilo. Ás 14:30 horas terá lugar o xantar baixo unha carpa na Carballeira de San Nicolao. A partir das 16:30 horas haberá actuacións musicais de Sarillo de Aiazo e Medorra con Troula de Galegos, así como xogos populares fóra da carpa. E ás 18:00 horas terá lugar a tradicional homenaxe ás persoas asistentes maiores de 90 anos.