spacer
A Xunta colaborará cos Concellos de Frades e Ordes na mellora da ponte sobre o río Samo, na Maquía, cun orzamento de 320.000€

O Consello da Xunta acordou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e os concellos de Ordes e Frades para realizar obras en infraestruturas rurais, neste caso para a renovación da ponte sobre o río Samo, na Maquía, destinado para o uso público. Unha actuación comprometida pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, nunha reunión mantida o pasado mes de agosto co alcalde de Frades, Roberto Rey.

A Consellería do Medio Rural será a responsable da realización das obras, así como da súa licitación ou encarga, tramitación e dirección. O orzamento máximo que se destinará para a actuación é de 317.400,61 euros, dos cales o Goberno galego achegará dos seus fondos propios 217.400,61 euros. Os 100.000 restantes serán cofinanciados polos concellos de Ordes e Frades, con 50.000 euros fornecidos por cada un deles. 

Con este convenio, a Consellería do Medio Rural reforza o seu labor a prol do desenvolvemento das zonas rurais galegas, ao favorecer que se leven a cabo proxectos que as dinamicen para mellorar a calidade de vida da súa poboación e contribuír ao mesmo tempo coa súa fixación. O convenio estará vixente a partir do 1 de xaneiro de 2024 e a súa finalización dependerá do remate das obras e do momento en que a Consellería do Medio Rural lles comunique a súa recepción aos concellos de Ordes e Frades e as formalice coa súa correspondente acta de entrega.