spacer
A comunidade enerxética “Frades Enerxía” estará aberta a vivendas emprazadas a 2 km á redonda o polideportivo de Ponte Carreira

O Concello de Frades está a dar os primeiros pasos para a creación da comunidade enerxética “Frades Enerxía”, que foi presentada á veciñanza o pasado mes de novembro. Unha comunidade que terá o seu centro na instalación fotovoltaica que se instalará no pavillón municipal de deportes de Ponte Carreira e que beneficiará ás vivendas e instalacións situadas a dous quilómetros á súa redonda.

Deste xeito, o Concello de Frades ten previsto colocar unha instalación de paneis fotovoltaicos no tellado do polideportivo municipal de Ponte Carreira, que dará servizo tanto ao propio pavillón como ao CPI de Ponte Carreira e outras instalacións municipais próximas como o local social, o centro sociocomunitario e mesmo á depuradora e á potabilizadora, se fose preciso. Ademais, todas as vivendas e empresas emprazadas en 2 km á redonda do polideportivo poderían adherirse á comunidade enerxética “Frades Enerxía”, o que inclúe todo o núcleo de Ponte Carreira.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que “se trata dunha proposta social, que nace co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos veciños e veciñas de Frades e loitar contra a pobreza enerxética, por iso imos comezar no lugar onde hai maior consumo de instalacións municipais e onde se pode beneficiar a máis veciños e veciñas”. Ademais, adianta que se a iniciativa ten o éxito que se agarda, “a segunda comunidade enerxética constituiríase na contorna do polideportivo de Abellá”. De feito, na análise de emprazamentos posibles para a posta en marcha deste tipo de iniciativas, o Concello de Frades atopou ata unha vintena de lugares aceptables, se ben optou por comezar por aquel onde hai maior consumo enerxético nestes momentos.

Fases

Nestes momentos, o Concello de Frades está na primeira das catro fases da posta en marcha desta comunidade enerxética, a de dar a coñecer a iniciativa e deseñar a folla de ruta, coa obtención dos certificados e recompilación da documentación técnica e legal para a súa posta en marcha. A seguinte fase, que se acometerá a principios de 2024, será a da captación de persoas usuarias e constitución da comunidade enerxética, que daría paso ao análise das actuacións a realizar e o aforro que se conseguirá. Finalmente, na cuarta fase procederíase á redacción do proxecto técnico para a súa contratación e posta en marcha.

Nesta primeira fase, o Concello de Frades xa cumpriu coa primeira esixencia: dar a coñecer o proxecto aos seus veciños e veciñas. Así se fixo o pasado mes de novembro nunha reunión no centro sociocomunitario de Frades onde técnicos especializados acompañaron ao alcalde de Frades para explicarlles aos presentes as vantaxes de pertencer a unha comunidade enerxética.

Que é unha Comunidade Enerxética?

Unha Comunidade Enerxética é un grupo de persoas, fogares, empresas ou institucións que se unen para xerar, consumir, xestionar e compartir enerxías renovables dunha maneira colaborativa e sostible. Esta enerxía xérase a partir de fontes limpas e sostibles, como paneis solares. Ao compartir a enerxía xerada, os participantes poden reducir as súas facturas de electricidade e diminuír a súa dependencia de fontes de enerxía non renovables.

"Frades enerxía" busca axudar ás familias a facer fronte á factura da luz, xa que pode chegar a producir aforros de ata o 30% da factura enerxética anual ao tempo que se axuda a conservación do medio ambiente. Ademais, se ben nun primeiro momento será o Concello quen vai poñer a disposición da veciñanza a enerxía dispoñible a través dos paneis solares instalados no pavillón, outros particulares e empresas poderán no futuro sumar as súas instalacións de renovables á comunidade. 

O Concello de Frades lidera esta iniciativa, na que conta co apoio das empresas Flinq e Permae Ser, e agarda poder contar coa participación activa da veciñanza na construción dun futuro máis brillante e limpo. Un proxecto que conta cunha financiación de 15.000 euros procedentes do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Os veciños e veciñas que desexen máis información só teñen que contactar co Concello de Frades a través do teléfono 981 695 567 ou do mail correo@frades.gal