O Concello de Frades pon en marcha un programa de compostaxe doméstica
O Concello de Frades pon en marcha un programa de compostaxe doméstica a través do cal entregará composteiros de 400 litros nas vivendas unifamiliares do municipio que conten cunha parcela ou horta dun mínimo de 25 metros cadrados de extensión. As solicitudes poden facerse directamente no Concello de Frades (981 695 567) ou enchendo esta solicitude online.
O composteiro, dunha capacidade para 400 litros, debe emprazarse no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, preferiblemente baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
O obxectivo desta campaña é que a autoxestión da materia orgánica se erixa como unha práctica habitual en todo o municipio, dadas as súas incuestionables vantaxes ambientais, económicas e sociais asociadas á compostaxe. “Trátase, en definitiva, de recuperar unha tradición asentada no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis óptima, hixiénica, cómoda e eficiente”, sinala o concelleiro de Medio Rural, Manuel Ferreiro.
A campaña de concienciación e educación ambiental en relación á separación selectiva de biorresiduos e compostaxe domiciliaria en Frades está promovida polo Concello de Frades, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, e co financiamento da Unión Europea a través dos fondos NextGeneratioEU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.