spacer
Os maiores de Frades homenaxean aos profesionais que coidaron deles nas últimas décadas

A XXV Festa dos Nosos Maiores de Frades acolleu unha homenaxe a dous profesionais sanitarios que se xubilaron o ano pasado despois de varias décadas de servizo no centro de saúde de Ponte Carreira: Juan López Villasante, médico durante os últimos 33 anos, e María Elena Casas Mirás, practicante durante os 39 últimos anos. Ambos os dous xubiláronse o ano pasado, nos meses de xaneiro e xuño, respectivamente.

Tanto Juan López como María Elena Casas, acompañados das súas respectivas parellas, sentaron na mesa presidencial da XXV Festa dos Nosos Maiores canda o alcalde, Roberto Rey Martínez; o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños; e o resto da corporación municipal. Así, antes de proceder ao xantar cedeulles a palabra a ambos os dous.

Don Juan agradeceulle o convite ao alcalde pois “ao fin e ao cabo son 33 anos que estivemos xuntos. Pasamos ratos malos, outros moi bos e agardo que a partir de agora, coa xubilación, poidamos desfrutar dela e vivir momentos moito mellores (mirando cara a súa muller)”. “Os anos que pasamos en Frades foron os mellores anos da nosa vida e agradecemos moito o voso cariño, que sempre o demostrastes”, destacou López Villasante. Pola súa banda María Elena Casas agradeceu o convite do Concello e “a todos os veciños e veciñas polo tempo que nos levamos coñecendo. Grazas a todos”.  

Unha vez rematado o xantar e tras a entrega das placas de homenaxe aos maiores de 90 anos, o alcalde Roberto Rey explicou que era o momento tamén “de homenaxear aos profesionais que axudaron a que hoxe teñamos tantas persoas de entre os 60 e os 94 anos e que, sobre todo, gocen de tan boa saúde”. Dese xeito, Juan López e María Elena Casas pasaron de aplaudir aos maiores de 90 anos a recibiren o maior aplauso da tarde por parte das preto de 500 persoas que se deron cita este sábado na carballeira de San Nicolau.

Roberto Rey entregoulles unhas placas conmemorativas da súa asistencia á XXV Festa dos Nosos Maiores de Frades e agradeceulles “o seu traballo e profesionalidade cos veciños e veciñas de Frades nestas case catro últimas décadas”.