spacer
O Concello de Frades promove a creación da asociación “Frades Enerxía para fomentar a sostibilidade enerxética e axudar a reducir a factura da luz á veciñanza

O Concello de Frades porá en marcha este mes de xullo a asociación “Frades enerxía”, que nace co obxectivo de proporcionarlle aforros na factura da luz aos veciños e veciñas do municipio. Unha iniciativa xurdida do proxecto de comunidade enerxética presentado á veciñanza o pasado mes de novembro e que supón un paso máis de cara á creación da devandita comunidade enerxética que procurará solucións enerxéticas sostibles e accesibles para os veciños e veciñas de Frades.

A constitución oficial desta asociación “Frades Enerxía” terá lugar o mércores 17 de xullo, ás 19:00 horas, no centro sociocomunitario de Ponte Carreira. Un acto aberto a toda a veciñanza que desexe unirse ou recibir máis información sobre esta iniciativa. Un proxecto que xa conta nestes momentos coa participación de 38 persoas como fundadoras desta asociación, o que demostra o forte apoio comunitario que ten esta iniciativa.

Reducir custes e respectar o medio ambiente

“A asociación Frades Enerxía ten como obxectivo principal promover o uso de enerxías renovables e sostibles na comunidade co obxectivo de reducir os custos da enerxía e contribuír ao coidado do medio ambiente”, explica o alcalde de Frades, Roberto Rey, quen remarca que “esta iniciativa enmárcase dentro do compromiso do Concello de Frades de proporcionar un maior benestar e calidade de vida aos seus veciños e veciñas, ao tempo que fomenta a sostibilidade e a eficiencia enerxética”.

Durante a reunión do vindeiro 17 de xullo, os técnicos presentarán un plan detallado sobre como levará a cabo as súas actividades a asociación “Frades Enerxía”, así como as oportunidades para participar por pare dos veciños e veciñas. “Convidamos a todos os veciños, veciñas e empresas emprazadas en 2 quilómetros á redonda do polideportivo municipal de Ponte Carreira a que acudan ao evento para compartir ideas e contribuír ao éxito desta iniciativa comunitaria”, sinala Rey Martínez. Iso si, para participar é preciso confirmar asistencia no Concello ou chamando ao teléfono 981 695 567.

Avance do proxecto

A constitución da asociación “Frades Enerxía” é un paso máis no proceso de creación da comunidade enerxética. A primeira fase tivo lugar o pasado mes de novembro coa presentación do proxecto á veciñanza por parte de técnicos especializados. Dende entón estívose traballando na segunda fase: obtención dos certificados e recompilación da documentación técnica e legal para a súa posta en marcha. Agora, procederase á terceira fase: captación de persoas usuarias e constitución da comunidade enerxética, que dará paso ao análise das actuacións a realizar e ao cálculo efectivo do aforro que se conseguirá. Finalmente, procederase á redacción do proxecto técnico para a súa contratación e posta en marcha.

As previsións do Concello de Frades pasan por que o centro desta comunidade enerxética sexa a instalación fotovoltaica que se instalará no polideportivo de Ponte Carreira e que beneficiará ás instalacións, vivendas e empresas situadas a dous quilómetros á súa redonda. Estes paneis fotovoltaicos, que se colocarán no tellado do pavillón, darán servizo tanto ao propio polideportivo como ao CPI de Ponte Carreira, así como outras instalacións municipais próximas como: o local social de Ponte Carreira, o centro sociocomunitario e incluso á depuradora e potabilizadora, se fose preciso. A maiores, todas as vivendas e empresas emprazadas a dous quilómetros do redor do polideportivo poderán adherirse á comunidade enerxética, o que inclúe tamén todo o núcleo urbano de Ponte Carreira. 

Que é unha Comunidade Enerxética?

Unha Comunidade Enerxética é un grupo de persoas, fogares, empresas ou institucións que se unen para xerar, consumir, xestionar e compartir enerxías renovables dunha maneira colaborativa e sostible. Esta enerxía xérase a partir de fontes limpas e sostibles, como paneis solares. Ao compartir a enerxía xerada, os participantes poden reducir as súas facturas de electricidade e diminuír a súa dependencia de fontes de enerxía non renovables.

"Frades enerxía" busca axudar ás familias a facer fronte á factura da luz, xa que pode chegar a producir aforros de ata o 30% da factura enerxética anual ao tempo que axuda á conservación do medio ambiente. O Concello de Frades lidera esta iniciativa, na que conta co apoio das empresas Flinq e Permae Ser, así como 38 veciños e veciñas que xa se sumaron como socios fundadores. O proxecto conta cunha financiación de 15.000 euros procedentes do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

O Concello de Frades promove a creación da asociación “Frades Enerxía para fomentar a sostibilidade enerxética e axudar a reducir a factura da luz á veciñanza