spacer
O Concello de Frades e a Fundación Amigos de Galicia duplican o número de prazas do curso de novas tecnoloxías para persoas maiores

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, inaugurou esta mañá o curso “Os nosos maiores, mellor acompañados”, que terá lugar todos os venres de xullo no edificio multiúsos de Cimadevila en horario de mañá. Unha iniciativa gratuíta organizada polo Concello de Frades, en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia e a Xunta de Galicia, que está dirixida ás persoas maiores de Frades para promover un envellecemento activo mediante a súa socialización e dixitalización. 

Roberto Rey amosou a súa gran satisfacción pola boa acollida que están tendo este tipo de propostas no municipio pois “temos completo o curso que durante o ano organizamos coa ONG Mestura e, nesta ocasión, tivemos que duplicar o número de prazas para poder dar resposta a todas as persoas maiores de Frades que solicitaron participar”. Así, o multiúsos de Cimadevila acollerá dúas sesións cada venres, con 15 participantes cada unha.

Unhas xornadas nas que os maiores de Frades aprenderán a manexar os seus  teléfonos móbiles, así como os seus ordenadores ou tabletas, para realizar xestións básicas a través de Internet (pedir citas médicas ou coa Administración, banca electrónica…). Serán un total de 10 horas de formación, repartidas en catro sesións, que terán lugar os venres 5, 12, 19 e 26 de xullo.  

Os obradoiros contan cun simulador de caixeiro automático bancario e teléfono móbil para que, de forma práctica, as persoas maiores de Frades poidan experimentar unha aprendizaxe significativa e interiorizar as actividades propostas; tales como solicitar unha cita médica a través da APP móbil do Sergas, gardar quenda no seu centro de saúde, sacar diñeiro no caixeiro, actualizar a súa cartilla ou manexar os seus teléfonos móbiles.

“Trátase duns obradoiros eminentemente prácticos que teñen como obxectivo final favorecer a independencia dixital das persoas maiores, para que así poidan desenvolver as súas tarefas diarias de maneira autónoma”, sinala o alcalde de Frades.

O Concello de Frades e a Fundación Amigos de Galicia duplican o número de prazas do curso de novas tecnoloxías para persoas maiores