spacer
O Concello de Frades achega máis de 6.500€ en axudas para sufragar a compra de lentes, audífonos e próteses dentais de persoas maiores e con escasos recursos económicos

O Concello de Frades vén de entregar as axudas para gastos oftalmolóxicos, auditivos ou odontolóxicos concedidas a persoas maiores de 65 anos e/ou cun grado de discapacidade igual ou superior ao 33% e cuns ingresos inferiores ao 90% do IPREM (540 euros). Unha convocatoria pioneira e da que se beneficiaron un total de cinco veciños e veciñas de Frades, que recibiron unha achega total de 6.530 euros.

O concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro, visitou esta mañá a Isabel Fernández Regueira, que cos seus 97 anos é a persoa de maior idade á que se lle concederon estas axudas, que no seu caso foi para a compra duns audífonos. “Poder axudar á xente a mellorar a súa calidade de vida, e máxime aos 97 anos, é unha das cousas polas que vale a pena ser concelleiro”, sinala Ferreiro Marzoa, quen quedou convidado pola familia a facer máis visitas e charlas con Isabel sobre as necesidades e a calidade de vida da xente da terceira idade.

As cinco axudas concedidas contaron co preceptivo informe dos Servizos Sociais municipais. Agora, unha vez entregadas as achegas, as persoas beneficiarias terán que xustificalas mediante a presentación das correspondentes facturas orixinais na adquisición de gafas, audífonos ou na realización dun tratamento odontolóxico.

Ferreiro Marzoa explica que “con esta convocatoria seguimos o camiño iniciado nos últimos anos en Frades e que nos levou a ser un dos municipios que máis inviste en servizos públicos en Galicia. Baixo a premisa de mellorar a calidade de vida das persoas maiores e dependentes con menores recursos económicos, puxemos en marcha e seguimos mantendo programas como o bono taxi, o programa de empréstito de axudas técnicas, o de estimulación cognitiva, o de eliminación de barreiras arquitectónicas ou os xa tradicionais de podoloxía, fisioterapia e perruquería a domicilio, que xa levan máis dunha década operativos”.