spacer
O Concello de Frades convoca as axudas para transporte e para material escolar dirixidas a familias cunha renda per cápita inferior a 600 €

O Concello de Frades convoca as axudas para transporte escolar e para a compra de material escolar para o curso académico 2023-2024, que están dirixidas ás familias que teñan unha renda per cápita inferior ao IPREM (600 euros mensuais). O Concello de Frades destina unha partida de 5.000 euros a estas axudas, que poderán solicitarse ata o vindeiro 31 de xullo. Consulta as bases aquí.

A subvención para transporte escolar está dirixida a alumnos e alumnas de Bacharelato ou de Formación Profesional (Grao Medio) e ten unha contía de 200 euros. Pola súa banda, as axudas para a compra de material escolar están dirixidas a alumnos e alumnas de segundo grao de educación infantil (3-5 anos) e ascenden a 70 euros por alumno/a e curso. Ademais, haberá que xustificar o gasto da axuda concedida con facturas por importe igual ou superior á contía outorgada cun xustificante de pago e antes do 23 de setembro de 2024. 

En ambos os dous casos, para poder optar a estas axudas é preciso que a persoa estea empadroada no Concello de Frades, que estea cursando os estudos para os que solicita a axuda, que a súa familia estea ao día no pago das obrigas tributarias co Concello e non teña pendente de xustificación ningunha subvención anterior. Ademais, no caso das axudas ao transporte, a persoa solicitante non poderá ser titular da Tarxeta Xente Nova nin ter a posibilidade de selo.

Para presentar as solicitudes, as familias deberán dirixirse ao Rexistro Xeral do Concello de Frades e achegar a seguinte documentación: copia do DNI de todas as persoas integrantes da unidade familiar, copia do libro de familia, resgardo da matrícula do centro no que está a realizar o curso escolar deste ano, xustificante dos ingresos da unidade familiar en 2022 (declaración da renda, nóminas, pensións, certificado de ser demandante de emprego, etc) e certificado do número de conta bancaria a nome da persoa solicitante. Así mesmo, poderanse presentar certificados acreditativos da situación de familia monoparental ou do grao de minusvalía dalgún membro da unidade familiar, se fose o caso. 

Para máis información, as familias solicitantes poden dirixirse aos Servizos Sociais Municipais ou chamar ao teléfono 981 695 567.