spacer
O centro de saúde de Ponte Carreira volve prestar atención sanitaria á veciñanza dende o luns 2 de setembro, tras finalizar as obras de mellora

O Concello de Frades informa da finalización das obras de renovación integral da cuberta do centro de saúde de Ponte Carreira, que deron comezo o pasado 29 de xullo e que motivaron o traslado temporal da atención sanitaria ao consultorio de Abellá. Unha atención que volverá a prestarse en Ponte Carreira dende o próximo luns 2 de setembro, retomando así a normalidade das citas e da atención sanitaria no municipio.

O alcalde de Frades explica que “estamos moi satisfeitos polo resultado das obras e penso que os veciños e veciñas van notar os beneficios destas obras xa que melloran de xeito moi considerable as condicións de atención aos pacientes, ao eliminar problemas de humidades tanto no centro de saúde de Ponte Carreira como no consultorio de Abellá”. Uns traballos que foron posible grazas a un convenio de colaboración asinado entre o Concello de Frades e a Consellería de Sanidade e que supuxeron un investimento de algo máis de 48.000 euros.

Obras realizadas

No centro de saúde de Ponte Carreira os traballos consistiron na renovación integral da súa cuberta, composta por chapas de aceiro, que foi substituída por outra de placas de policarbonato translúcidas e paneis sándwich illantes de aceiro. Deste xeito, o centro mellora o seu illamento ao tempo que aumenta nun 90% a súa luminosidade. A maiores derrubouse un peto de fábrica de ladrillo que rodeaba o edificio e que foi substituído por canalóns para a recollida das augas pluviais, con baixantes e rebosadeiros, o que evita filtracións da auga da chuvia ao interior das instalacións e incrementa o confort dos pacientes.

Previamente, durante o mes de xullo executáronse tamén obras de mellora no consultorio de Abellá, onde se substituíron os toldos existentes por outros novos monobloc con brazo extensible de ancoraxe variable, con lona acrílica e acondicionamento motorizado. Así mesmo, impermeabilizouse a cuberta exterior na zona de acceso ao consultorio, mediante a construción dunha cuberta plana non transitable, non ventilada e autoprotexida de tipo convencional. Estas dúas actuación melloran o illamento térmico e a impermeabilización do consultorio, de forma que incrementa o confort dos pacientes.

O centro de saúde de Ponte Carreira volve prestar atención sanitaria á veciñanza dende o luns 2 de setembro, tras finalizar as obras de mellora