spacer
Volven as xornadas gratuítas sobre a saúde: "Fomento da actividade física" o 12 de setembro no centro sociocomunitario de Ponte Carreira

O Concello de Frades retomará este mes de setembro as súas xornadas gratuítas sobre saúde, que acadaron un gran nivel de participación na súa estrea o pasado mes de xullo e que están especialmente dirixidas á terceira idade. Se na primeira xornada se tratou sobre a relación entre a nutrición e a saúde, nesta segunda charla abordaranse os beneficios da actividade física sobre a saúde física e mental das persoas.

“Está claro que o deporte e o exercicio son moi importantes para todas as idades, pero especialmente para os nosos maiores xa que se trata dunha ferramenta que mellora a súa calidade de vida e funciona tamén como un importante elemento de socialización, como temos comprobado coas actividades que organizamos nas parroquias”, sinala o concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro.

A xornada “Fomento da actividade física” terá lugar o xoves 12 de setembro, ás 17:00 horas, no centro sociocomunitario de Ponte Carreira, organizado polo Concello de Frades en colaboración coa Deputación da Coruña. A participación é totalmente de balde pero por cuestións de loxística é preciso anotarse no 981 695 567.