As Xornadas dedicadas á saúde en Frades rexistran o seu segundo cheo cunha charla sobre os beneficios da actividade física
O centro sociocomunitario de Ponte Carreira volveu quedar pequeno para acoller a segunda sesión das Xornadas dedicadas á saúde organizadas polo Concello de Frades. Unha iniciativa gratuíta que arrincou cun cheo na súa primeira data e que se repetiu na charla sobre os beneficios da actividade física, impartida por Imanol Pérez, titulado de INEF.
Pérez fixo fincapé nos beneficios que produce a actividade física na nosa saúde, tanto física como mental, xa que mellora a calidade de vidas das persoas, aumenta a súa autoestima e favorece a socialización das persoas. Neste sentido, o concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro, explica que “este tipo de charlas permiten achegar as ferramentas para que os nosos maiores teña unha mellor calidade de vida. Estou moi contento coa alta participación e o interese amosado pola veciñanza, polo que seguiremos con novas xornadas esta semana en Ponte Carreira e en Abellá”.
Próximas charlas
Así, maña martes 17 de setembro, ás 17:00 horas, o centro sociocomunitario de Ponte Carreira acollerá unha charla de sensibilización sobre a conduta suicida, impartida pola asociación Andaina Pro Saúde Mental. Unha iniciativa incluída no Programa integral no ámbito rural para a mellora na detección e intervención en risco de suicidio.
E o xoves 19, ás 16:30 horas, o local social de Abellá acollerá a charla gratuíta “Nutrición e Saúde”. Unha iniciativa que o Concello de Frades decidiu repetir despois do éxito de participación acadado o pasado mes de xullo no centro sociocomunitario de Ponte Carreira. Os temas a tratar serán os beneficios que unha alimentación saudable teñen na nosa saúde en xeral, e no control do estrés e das emocións, en particular.
Nos dous casos a participación é totalmente gratuíta, sendo necesario anotarse previamente no Concello de Frades ou chamando ao 981 695 567.