spacer
Música, maxia, mercado de artesanía, mostra etnográfica e degustación de produtos locais, esta fin de semana na III Festa Rural de Frades

A praza de Ponte Carreira acollerá o 21 e o 22 de setembro a terceira edición da Festa Rural de Frades, organizada polo Concello de Frades en colaboración coa asociación de veciños Rexente de Ponte Carreira, a asociación da terceira idade de Frades, a Mancomunidade de Ordes, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña. 

“Desde o Concello de Frades queremos convidar a todo o mundo a achegarse esta fin de semana a Ponte Carreira para desfrutar do mellor do noso rural, que estará representado nesta festa, e na que incluímos novidades como o concerto de Roi Casal ou a primeira edición do Festival de Maxia de Frades”, apunta o alcalde, Roberto Rey Martínez.

A praza pública de Ponte Carreira será o espazo no que se desenvolvan todas as actividades da III Festa do Rural de Frades, que abrirá as súas portas na tarde do sábado 21 de setembro co mercado de artesanía e a exposición etnográfica do Museo de Frades. No mercado de artesanía participarán unha vintena de postos de cestos, coiro, madeira, xoiería, maquetas...  mentres que na mostra etnográfica estarán presentes unha selección de fotografías e  obxectos recollidos no Museo de Frades: útiles e ferramentas do campo, aparellos do fogar, elementos dos antigos colexios... Ambas actividades estarán abertas durante toda a fin de semana.

Ás 20:00 horas chegará unha das grandes novidades desta edición: o I Festival de Maxia, que arrincará cunha gala inaugural cos magos Samuel Moreno, Roberto Lolo e Mago Iago. Un día despois, o domingo 21 de setembro ás 12:00 horas, terá lugar o show familiar “2 mejor que uno”, dirixido a un público infantil. E a partir das 14:00 horas, coincidindo co xantar popular, terá lugar un espectáculo de maxia de cerca da man dos magos Samuel Moreno e Roberto Lolo.

A xornada do sábado rematará cun gran concerto de Roi Casal que, a partir das 22:00 horas, ofrecerá o seu espectáculo “Ambos mundos”, unha selección das súas cancións máis actuais acompañada doutros composicións que van dende os ritmos latinos ao estilo pop dos seus inicios.

Xantar popular

O domingo 22 de setembro, a III Festa do Rural abrirá as súas portas cun pasacalles da man do grupo ordense Embruxo Gaiteiros e a apertura do mercado de artesanía e da exposición etnográfica. Ademais, entre as 11:00 e as 14:00 horas e entre as 18:00 e as 22:00 horas, un dos food-tracks da campaña “Galicia sabe amar” da Xunta de Galicia estará na praza pública de Ponte Carreira ofrecendo unha selección de petiscos realizados con produtos do noso mar para poñer en valor o labor dos profesionais da pesca e do marisqueo. Unha selección que inclúe ata dez petiscos diferentes: espetada de polbo á feira e cachelo de Coristanco, fusión de mexillóns ao vapor Galticia Thai ou croquetas de chopo e ali oli de pementos de Herbón, entre outras propostas culinarias.

Ás 13:30 horas terá lugar unha sesión vermú co Dúo Charada, que amenizará unha degustación de callos, que serán entregados de balde con cada consumición nunha cantina emprazada na praza. A sesión vermú dará paso a un xantar popular composto por uns entrantes de empanada de atún, seguido por callos con garbanzos e xarrete ao forno con patacas e verduras. De sobremesa haberá larpeira e xeado, todo acompañado por bebidas, chupito e café. O prezo do menú e de 30 euros persoas adultas, 18 euros menores de 12 anos e de balde para menores de 5 anos. Os tickets están á venda ata no Concello de Frades, na asociación de veciños Rexente, na asociación da terceira idade de Frades e nos bares de Ponte Carreira.

Finalmente, ás 17:30 a 19:30 horas, terá lugar un concerto folk coa participación dos grupos Sarillo (Aiazo), Son da Terriña (Galegos) e “Zurramalla” (Vigo). E a partir das 20:30 horas, verbena co Dúo Charada e “Pepe Piña” e Os Robinsóns.

Música, maxia, mercado de artesanía, mostra etnográfica e degustación de produtos locais, esta fin de semana na III Festa Rural de Frades