A III Festa Rural de Frades encheu de música, tradición, maxia e gastronomía a praza pública de Ponte Carreira
A pesar das alertas climatolóxicas, finalmente o tempo respectou a terceira edición da Festa Rural, organizada polo Concello de Frades e celebrada esta fin de semana na praza pública de Ponte Carreira. Chover, choveu, tal e como estaba anunciado na xornada do sábado pero, ao non coincidir coa programación, non afectou ao desenvolvemento da festa.
Unha iniciativa que “naceu para poñer en valor o rural, a nosa historia, a nosa música e os nosos costumes e que cada ano queremos se vaia afianzando como unha cita ineludible non so de Frades senón de toda a comarca”, explica Roberto Rey, alcalde de Frades, quen aproveita para agradecer “o gran traballo de todas as persoas e entidades que fixeron posible esta terceira edición da Festa do Rural, comezando polos nosos traballadores municipais, o Museo de Frades, as asociacións Rexente de Ponte Carreira e da Terceira Idade de Frades, a Mancomunidade de Ordes, a Deputación e a Xunta de Galicia”.
Degustación de callos e petiscos
Durante a mañá de hoxe domingo tivo lugar o tradicional Xantar Popular, precedido dunha degustación de callos e duns petiscos realizados con produtos do mar, cortesía da campaña “Galicia sabe Amar” da Xunta de Galicia. Un foodtrack desta campaña estará toda a xornada diante do centro de saúde de Ponte Carreira repartindo de balde croquetas de choco e ali oli de pementos de Herbón e humus de fabas de Lourenzá con mexillón de Galicia.
A música durante a mañá correu da man do grupo ordense Embruxo Gaiteiros e o Dúo Charada, que tamén estará presente na verbena nocturna canda o grupo “Pepe Piña e Os Robinsons”. Antes, no mesmo espazo terá lugar unha nova edición do concerto folk, coa participación de dous grupos locais, Sarillo (Aiazo) e Son da Terriña (Galegos), e os vigueses de Zurramalla.
E durante toda a xornada, como onte sábado, todas as persoas que se achegan pola III Festa do Rural fan un percorrido pola exposición etnográfica do Museo de Frades, onde os máis novos aproveitan para xogar con xoguetes en madeira dos seus avós, e estes teñen un intre para lembrar os utensilios que empregaban nos labores do campo, na casa e mesmo no colexio. Así mesmo, durante a fin de semana un total de vinte postos participaron no Mercado de Artesanía, onde se podían mercar dende xoias en todo tipo de material (prata, madeira, bixutería…) ata xoguetes tradicionais (peluxes, barquiños de madeira, escudos de cabaleiros…) ou saquiños de sementes para calmar as dores.
Ás 12:00 horas terá lugar o show familiar “2 mejor que uno”, dirixido a un público infantil. Despois, sesión vermú co Dúo Charada e degustación de callos, que serán entregados de balde con cada consumición nunha cantina emprazada na praza. E a partir das 14:00 horas, coincidindo co xantar popular, terá lugar un espectáculo de maxia de cerca da man dos magos Samuel Moreno e Roberto Lolo.
A III Festa Rural foi organizada polo Concello de Frades en colaboración coa asociación de veciños Rexente de Ponte Carreira, a asociación da terceira idade de Frades, a Mancomunidade de Ordes, a Xunta de Galicia, Turismo de Galicia e a Deputación da Coruña.