spacer
A xira “Ambos mundos” de Roi Casal e a primeira edición do Festival de Maxia abren mañá sábado a III Festa Rural de Frades

Todo listo en Frades para celebrar a terceira edición da Festa Rural, que abrirá as súas portas mañá sábado 21 de setembro pola tarde cunha nova edición do mercado de artesanía e cunha exposición etnográfica do Museo de Frades. No mercado está confirmada a presenza dun total de 20 postos de cestos, coiro, madeira, xoiería, maquetas...  mentres que na mostra etnográfica haberá unha pequena selección dos elementos que integran o Museo de Frades: útiles e ferramentas do campo, aparellos do fogar, xoguetes antigos, fotografías... 

Ás 20:00 horas chegará o I Festival de Maxia, cunha gala inaugural cos magos Samuel Moreno, Roberto Lolo e Mago Iago. E a partir das 22:00 horas, gran concerto de Roi Casal co seu espectáculo “Ambos mundos”, unha selección das súas cancións máis actuais acompañada doutros composicións que van dende os ritmos latinos ao estilo pop dos seus inicios.

Dende o Concello de Frades agardan que o tempo finalmente acompañe, xa que non están previstas choivas máis aló das oito da tarde e agárdase que o domingo tamén sexa unha xornada sen choiva. A III Festa Rural está organizada polo Concello de Frades en colaboración coa asociación de veciños Rexente de Ponte Carreira, a asociación da terceira idade de Frades, a Mancomunidade de Ordes, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña. 

Programa do domingo

O domingo 22 de setembro, a III Festa do Rural abrirá as súas portas cun pasacalles da man do grupo ordense Embruxo Gaiteiros e a apertura do mercado de artesanía e da exposición etnográfica. De 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 horas, un foodtrack da campaña “Galicia sabe amar” da Xunta de Galicia estará na praza pública de Ponte Carreira ofrecendo unha selección de petiscos realizados con produtos do noso mar.

Ás 12:00 horas terá lugar o show familiar “2 mejor que uno”, dirixido a un público infantil. Despois, sesión vermú co Dúo Charada e degustación de callos, que serán entregados de balde con cada consumición nunha cantina emprazada na praza. E a partir das 14:00 horas, coincidindo co xantar popular, terá lugar un espectáculo de maxia de cerca da man dos magos Samuel Moreno e Roberto Lolo.

Finalmente, ás 17:30 terá lugar un concerto folk coa participación dos grupos Sarillo (Aiazo), Son da Terriña (Galegos) e “Zurramalla” (Vigo). E a partir das 20:30 horas, verbena co Dúo Charada e “Pepe Piña” e Os Robinsons para pechar esta terceira edición da Festa Rural de Frades.
 

A xira “Ambos mundos” de Roi Casal e a primeira edición do Festival de Maxia abren mañá sábado a III Festa Rural de Frades