spacer
O Concello de Frades únese a campaña "Faite responsable da túa cesta" promovida por SOGAMA

O Concello de Frades únese á campaña "Faite responsable da túa cesta", promovida por SOGAMA co obxectivo de axudar aos concellos a diminuír a cantidade de lixo xerado, en especial a cantidade de comida que acaba no cubo de lixo. Unha problemática con importantes consecuencias ambientais, económicas e sociais que o Concello de Frades está a afrontar promovendo a compostaxe doméstica e repartindo este ano composteiros de 400 litros de capacidade entre os veciños e veciñas que o solicitaron e que contaban cunha parcela ou horta de cando menos 25 metros cadrados. 

Ademais, no marco da Semana Europea da Prevención de Residuos 2024, Sogama vén de lanzar unha guía didáctica para axudar aos cidadans a reducir o desperdicio alimentario, que podes descargar premendo aquí

Lembra que aínda que o desperdicio alimentario ten lugar en toda a cadea (desde a produción ata o consumo de produtos), o certo é que o fogar leva a maior porcentaxe: un 60%. Por iso, esta guía achega unha serie de recomendacións tales como planificar os menús semanais, facer unha lista da compra e cinguirse á mesma, organizar a despensa e neveira para consumir antes os produtos perecedoiros, diferenciar entre data de caducidade e de consumo preferente, dar preferencia ás froitas, hortalizas e verduras “feas”, axustar as racións ao número de comensais e, de haber sobras, aproveitalas para novos menús. Tamén fan referencia á valorización da parte non comestible dos alimentos a través da compostaxe doméstica e industrial, que posibilitan a transformación dos restos orgánicos nun abono natural de alta calidade.